Apple presenta o iPhone 4
luns 7 de xuño do 2010, por |
A filtración
dun prototipo do novo iPhone ensombreceu a presentación que esta tarde
realizou Apple durante o WWDC, posto que non houbo sorpresas (agás certas incidencias coa conectividade Wi-Fi durante a presentación), de xeito que
Steve Jobs e outros responsables da compañía de Cupertino limitáronse a saír á
palestra a dar conta da boa acollida do iPad e detallar as características do
iPhone 4 e do seu novo sistema operativo (que muda o seu nome de iPhone OS
a iOS).
O novo móbil de Apple sairá oficialmente nos EE.UU. (xunto con Reino Unido,
Xapón, Francia e Alemaña) o vindeiro día 24, mentres que en España haberá que
agardar a xullo para poder mercar o terminal, aínda que xa está confirmado que
non chegará só da man de Movistar, pois Orange
xa anunciou que vai vendelo no noso territorio e tamén é de agardar que nos
vindeiros días Vodafone emita unha comunicación semellante.

- Nesta ocasión o modelo branco do iPhone tamén cambiará de cor a súa parte frontal
Recapitulando, o iPhone 4 presentaría un novo deseño, sería un 24% máis delgado
que o iPhone 3GS, as súas partes frontal e traseira sería de cristal,
funcionaría con tarxetas microSIM (coma o iPad), contaría cunha cámara de 5
Mpíxeles con flash LED e capaz de
gravar vídeo a 720p a 30 fps, contaría con cámara frontal para
videoconferencia, melloraría a súa pantalla incorporando tecnoloxía IPS e
chegando a unha resolución de 960 x 640 píxeles, funcionaría cun procesador
Apple A4 (coma o iPad), contará cun xiroscopio para mellorar as súas
posibilidades de movemento principalmente nos xogos (esta tecnoloxía sería como
a do Wii MotionPlus da consola doméstica de Nintendo), tería conectividade
Wi-Fi n e HSDPA a 7,2 Mbps, o seu grosor sería de só 9,5 milímetros e contaría
cun segundo micrófono para a cancelación de ruído (coma o Nexus One de Google).
Destas prestacións habería que precisar especialmente a Pantalla
Retina, chamada así porque dende Apple aseguran que a 25-30 centímetros
de distancia tería unha definición superior ao que pode percibir as nosas
retinas (algo moi discutible) e que mellorará principalmente a lectura de
texto. Tamén resultou rechamante que anunciasen que o iPhone 4 vai permitir o
uso dunha versión de iMovie para editar os vídeos gravados no móbil dende o
propio terminal (aínda que estamos a falar dunha aplicación de pagamento).
Algúns poderían considerar irónico
que unha das prestacións estrela do
iPhone 4 fose FaceTime,
un servizo de videoconferencia que inicialmente só funcionará a través de Wi-Fi
e que non será compatible coa videochamada que está presente en teléfonos
móbiles dende os primeiros terminais 3G, de xeito que sería unha prestación que
só podería empregarse para comunicarse entre usuarios do novo móbil, polo que parece
difícil de entender que Apple dera tanta importancia a unha prestación que en
anteriores presentacións consideraban que non tiña demanda do público. De todos
os xeitos cómpre destacar que FaceTime semella unha solución bastante avanzada,
que permite o uso do móbil tanto en vertical coma en horizontal, e pode
empregar calquera das dúas cámaras do móbil (de xeito que serve para comunicar
aos interlocutores ou para amosar algo a outra persoa en remoto). É de agardar que
nos vindeiros meses Apple chegue a acordos coas operadoras de telefonía móbil
para que permitan este tipo de servizo dentro das súas redes de datos.
Pero se algo hai que destacar o iPhone 4, parece evidente que iso é o seu
sistema operativo, o iOS 4, que chegará aos usuarios actuais de iPhone o
vindeiro día 21, e que incorpora moitas melloras entre as que está a multi-tarefa,
de xeito que poderanse empregar varias aplicacións ao mesmo tempo, podendo
conmutar entre as mesmas sen perder o estado no que estaban cando as
abandonamos, o que era unha das principais eivas do iPhone e que non teñen outras
plataformas coma Android.

- A presentación do iPhone 4 serviu para anunciar o lanzamento de Guitar Hero para os móbiles de Apple
No tocante aos videoxogos, aínda que non deron a este aspecto tanta importancia
como en anteriores presentacións, Apple aproveitou a ocasión para anunciar que Farmville (a granxa de Facebook desenvolvida por Zynga) chegará en breve ao
iPhone, mentres que Guitar Hero estrean
hoxe mesmo a súa conversión aos terminais de Apple, incorporándose
á App Store a un prezo de 2,39 euros. Este xogo inclúe as cancións We Are The Champions (Queen), Savior (Rise Against), Paint It Black (The Rolling Stones), Say It Ain’t So (Weezer), Seven Nation Army (The White Stripes) e Cousins (Vampire Weekend), que poderán
ampliarse a través dunha tenda de descargas integrada.
O lanzamento deste novo móbil tamén vai supor un cambio no ecosistema do iOS,
de xeito que agora desaparece do mercado o iPhone 3G, e o iPhone 3GS de 8 Gb baixa
de prezo nos EE.UU. a 99 dólares, mentres que o iPhone 4 de 16 Gb custará 199
dólares e o de 32 Gb terá un prezo de 299 dólares (estes prezos inclúen un compromiso
de permanencia de 24 meses con AT&T), aínda que Steve Jobs tamén anunciou
que AT&T prepara ofertas especiais para clientes da compañía para que
poidan renovar o seu iPhone ata 6 meses antes de que remate o seu compromiso de
permanencia actual.
Para
rematar poderiamos criticar o feito de que entre os idiomas presentes no iPhone
4 estean tanto o español coma o catalán, á vez que déixanse de lado ao éuscaro
e ao galego.
Vídeo de presentación do novo iPhone 4 |

- Unha das principais características do iPhone 4 é a mellora da súa resolución de pantalla

- O iPhone 4 permite tanto a gravación como a edición de vídeo a 720p

- Durante a conferencia tiveron varios problemas coa rede Wi-Fi
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















