Apple podería estar a preparar un iPad con pantalla de 12,9 polgadas

mércores, 27 de agosto do 2014 Marcus Fernández

É habitual escoitar rumores que apuntan a novos produtos de Apple, especialmente os que apuntan a novos tamaños de pantalla dos seus dispositivos móbiles, e ao igual que no seu día foron moitas as ocasións nas que se anticipaba a presentación dun iPad de reducidas dimensións, o iPad mini tardou en ver a luz, e agora dende Bloomberg apuntan na dirección contraria, asegurando que a primeiros de 2015 poderiamos ver un novo iPad cunha pantalla de 12,9 polgadas, en contraste cos tamaños de 7,9 e 9,7 polgadas actuais, que se achegaría bastante á pantalla dun ordenador portátil ou incluso a unha folla de papel DIN A4.
Podemos entender que co incremento de pantalla do iPad poderíase seguir a liña actual de incremento de pantalla dos smartphones (agárdase a presentación de novos modelos de iPhone con pantallas de 4,7 e 5,5 polgadas), buscando posiblemente frear a caída de vendas do iPad abríndose a novos usos. Até o momento son poucos os fabricantes que se atreven con grandes tamaños de pantalla en tablets, como o ARCHOS FamilyPad 2 ou o Surface Pro 3 (que sae mañá á venda en España) que se atreven con tamaños de pantalla de 13,3 polgadas, máis propios de ordenadores portátiles, pero que poden resultar moi axeitados para moitos usos profesionais e de lecer (como a lectura de banda deseñada, ou a consulta de documentación en PDF maquetada pensando en tamaños impresos).

Comparación entre un iPad de 12,9 polgadas e un MacBook Air de 13 polgadas realizada por CiccareseDesign para MacRumors

PUBLICIDADE