Apple amosa as probas de resistencia ás que somete aos seus móbiles

venres, 26 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Ao igual que tras o antennagate Apple tivo que amosar ante o público os laboratorios nos que fan probas cos seus teléfonos, agora co bendgate a compañía de Cupertino abriu as portas das instalacións nas que fan as probas de resistencia dos seus terminais ás cámaras da CNBC, para que quedase claro que os novos iPhone 6 Plus superan as probas precisas para acadar os estándares de calidade máis rigorosos. Chegan a asegurar que o iPhone 6 é “o produto máis probado que fixemos nunca” con máis de 15.000 unidades de proba dos novos teléfonos antes do seu lanzamento (aínda que a meirande parte das probas fixéronse en China).
Apple convidou a distintos medios para que puidesen ver in situ como son as probas ás que someten aos terminais, para comprobar que soportan as situación propias do noso día a día. Temos así que Apple fai probas para comprobar se os terminais poden estragarse cando o usuario senta sobre o teléfono e unha superficie dura, tamén se someten os teléfonos a 25 quilogramos de forza sobre tres puntos para comprobar se chega a dobrar (superando satisfactoriamente esa proba, pese aos rumores sobre tal vulnerabilidade), aplícaselle unha forza de 10 quilos sobre o centro do teléfono para ver a súa resistencia á presión e incluso intenta retorcerse o dispositivo en varios ángulos distintos.
Parece quedar así demostrada a boa fabricación dos novos iPhone 6, comprobándose que a polémica do bendgate era bastante artificial e non debería preocupar á meirande parte dos futuros compradores dun iPhone 6 Plus, que deberían ter a mesma prudencia co novo tabletófono de Apple que con outros dispositivos de semellantes dimensións.


Reportaxe da CNBC sobre as probas de resistencia dos novos iPhone 6 e iPhone 6 Plus

PUBLICIDADE