Anuncian que o servizo que dará continuidade a Flocos.tv estará operativo en marzo
venres 3 de febreiro do 2012, por |
Canle TV, o servizo preparado polo Goberno galego para recoller a testemuña de Flocos.tv e dar, deste xeito, un novo acubillo ao importante legado audiovisual xerado arredor desta segunda plataforma, estará operativo en marzo. Así o confirmou a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e así o reflicten medios como Praza Pública, onde se critica, por certo, a longa paréntese de actividade creada entre o peche de Flocos.tv e esta nova iniciativa, “tres anos de varamento e unha chea de ocasións perdidas para achegármonos ás máis de 400 fitas de creación galega ás que se lle daba acubillo”.
Segundo informou AGADIC esta comunicación poderase retomar a partir de marzo, a través de Canle TV, que semella ter xa o sistema operativo preparado pero que non se puxo en marcha antes, sinala a Axencia, por mor dos dereitos de autor. De feito, engade a dita Axencia, as producións acubilladas en Flocos.tv estaban “nun limbo alegal, e non había permisos por escrito nin dos autores nin dos produtores de ningunha das obras que alí se albergaban”. Isto provocou que se dese comezo a un proceso para acadar os permisos precisos, proceso que se calcula que rematará ao longo de febreiro.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















