Anuncian que a primeiros de 2015 poderemos gozar de Resident Evil: Revelations 2

luns, 1 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Tras a filtración en Xbox.com de que o xogo Resident Evil: Revelations tería unha secuela, finalmente confirmouse o lanzamento na rolda de prensa que Sony fixo hoxe no Xapón, confirmando que Resident Evil: Revelations 2 chegaría á PlayStation 4 no Xapón a primeiros de 2015, engadindo no Tokyo Game Show, darán máis detalles sobre tal lanzamento.
Este novo xogo contaría co mesmo equipo de desenvolvemento que a anterior entrega, aínda que desta volta Chris Redfield e Jill Valentine non serían os seus protagonistas, sabéndose pouco máis deste novo título, xa que o que polo momento desvelaron foi un vídeo de adianto de carácter conceptual, no que vemos a unha cativa movéndose entre unha multitude con pulseiras que se iluminan de cor verde se o seu portador non está infectado e de cor vermella se xa se transformou nun morto vivente.
Resident Evil: Revelations 2 xa conta con páxina web oficial, na que se confirma que terá versións para PS4, PS3, Xbox 360, Xbox One e PC, de xeito que os usuarios de consolas de Nintendo para as que saíra a primeira entrega quedarían orfos, e non poderían gozar deste survival horror de Capcom que, polo que dan a entender, tamén chegaría a Europa a primeiros de 2015.


Vídeo de adianto de Resident Evil: Revelations 2

PUBLICIDADE