Anuncian os xogos que incluirán PS Plus e Games with Gold en setembro

xoves, 28 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Joe Danger para PS Vita é un dos xogos que en setembro incluirá PS Plus

Sony e Microsoft anunciaron estes días os xogos que ofrecerán de balde durante o mes de setembro para os usuarios dos seus servizos Premium para as súas consolas, resultando todo un contraste a situación entre ambas compañías, xa que Microsoft leva un tempo mellorando os títulos que ofrece aos usuarios de Xbox LIVE Gold para estar á altura de PlayStation Plus, pero agora vemos como a oferta de Sony cae estrepitosamente en calidade, dando a entender que o nivel dos últimos meses non podía manterse a longo prazo.
Os xogos que os usuarios de consolas PlayStation recibirán en setembro serán o shoot’em up Velocity 2X e o título multi-xogador local Sportsfriends para PlayStation 4, o criticado PlayStation Allstars Battle Royale (considerado unha mala copia da franquía Smash Bros. de Nintendo) e o xogo de acción e estratexia Hoard para PlayStation 3 e o psicodélico TxK e Joe Danger para PS Vita. Unha selección de videoxogos moi pouco destacable, xa que practicamente ningún dos mesmos foi un éxito de vendas.

O usuarios Gold de Xbox LIVE poderán descargar de balde en setembro o supervendas Halo: Reach

Mellor parece a escolma que fai Microsoft para os usuarios de pagamento de Xbox LIVE, que en setembro poderán gozar de Super Time Force (valorado en 14,99 euros) e Crimson Dragon (valorado en 19,99 euros) para Xbox One e Monaco: What’s Yours is Mine (valorado en 14,39 euros) e Halo: Reach (valorado en 24,99 euros) para Xbox 360, polo que cando menos un dos xogos de cada plataforma son realmente destacables.


Vídeo de presentación dos xogos incluídos en PlayStation Plus en setembro

PUBLICIDADE