Angry Birds 2 estréase nas tendas de aplicacións

xoves, 30 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Tras varios anos de éxito, a serie de xogos móbiles máis descargados da historia estrea secuela, e por fin temos dispoñible na App Store e en Google Play a primeira secuela dos Angry Birds, que chega como un título free-to-play, ou sexa, que podemos descargalo de balde (integrando compras dentro da aplicación).
Angry Birds 2 supón unha atractiva renovación da franquía, cuns gráficos impresionantes, niveis multi-fase cheos de retos, porcos finais desafiantes e máis destrución que nunca. Un dos cambios máis importantes do xogo é que poderemos elixir o paxaro que lanzamos cada vez, en vez de cinguirnos á orde predefinida como nas entregas anteriores, o que eleva o nivel de dificultade, xa que teremos que elixir intelixentemente o paxaro co que damos cada paso de cara a superar os numerosos retos. Tamén poderemos acumular puntos no Destrutómetro para conseguir paxaros adicionais.
Agora os escenarios están repartidos en varias fases cada un, o que supón unha experiencia bastante diferente, que facilita entender os coidados niveis como un todo, e non como sucesións inconexas de quebracabezas que resolver.
Para facer aínda máis atractivo o xogo, tamén contarase con feitizos espectaculares, xefes finais aos que ter que derrotar e a posibilidade de competir con outros xogadores en liña. Todo un máis e mellor que ten o reto de repescar aos xogadores que tanto gozaron coas primeiras entregas desta saga.

En Angry Birds teremos que derrotar a desafiantes porcos finais


Tráiler oficial do xogo

PUBLICIDADE