Android recibe un xogo de sopas de letras en galego

martes, 30 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Baixo a marca Debullapps temos a “un electricista en paro que intenta aprender a programar” que vén de estrear en Google Play unha aplicación chamada Sopas Galegas, que non é máis que un sinxelo xogo de sopas de letras para galegofalantes, con máis de 400 palabras seleccionadas da nosa lingua en 10 categorías diferentes e sobre as que podes picar se queremos consultar o seu significado en Google, a Wikipedia ou o dicionario da Real Academia Galega.
Este xogo sitúa as palabras en posicións diferentes de cada vez, con numerosas combinacións grazas a que cada vez que iniciamos un taboleiro teremos unha sopa de letras xerada de xeito automático, polo que os afeccionados a este tipo de pasatempos terán aquí un bo xeito de ocupar o seu tempo de lecer que podemos agradecer ao interese do seu creador en aprender a desenvolver aplicacións móbiles.
Ao rematar cada partida indicarásenos o tempo en completar o taboleiro e os puntos acadados, instándonos en conseguir cada vez unha maior puntuación, principal incentivo para continuar a xogar a este título que podemos descargar de balde dende dispositivos con Android 2.2 ou superior.

PUBLICIDADE