Android Wear estrea a posibilidade de facer chamadas e ditar mensaxes de WhatsApp

xoves, 4 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A carreira entre os distintos smartwatches está cada vez máis rifada, e aínda que Android Wear parecía ter superado sobradamente ao WatchOS de Apple, aínda quedaba unha funcionalidade ausente dos reloxos de Google, as chamadas, que finalmente chegan nunha actualización que permite que Android Wear aceda ao altofalante integrado no reloxo, de xeito que enlazando o smartwatch por Bluetooth co smartphone poderemos finalmente facer chamadas de voz dende o pulso e incluso escoitar mensaxes de audio e vídeo como Glide. Por desgraza, o número de reloxos con Android Wear que integran altofalante polo momento é moi reducido, limitándose concretamente ao Huawei Watch e ao Asus ZenWatch 2 de 49 milímetros (aos que en breve se incorporarán o Casio Smart Outdoor e o Huawei Watch for Lady).
A nova actualización tamén incorpora a posibilidade de movernos entre as distintas tarxetas xirando o pulso, xunto con outros xestos que facilitan a navegación no reloxo, á vez que se incorpora a posibilidade de mandar mensaxes mediante voz en aplicacións como Google Hangouts, Nextplus, Telegram, Viber, WeChat e WhatsApp, o que si supón un grande avance con respecto ao Apple Watch, xa que agora os reloxos con Android Wear poderán enviar mensaxes de WhatsApp dictándoos en voz alta.

O Huawei Watch for Lady puido verse na pasada edición do CES

PUBLICIDADE