Ampla participación para a cata por videoconferencia da Feira do Viño de Chantada
luns 8 de marzo do 2010, por |
Semella que en materia de innovación non hai nada imposible, mentres haxa alguén coa teimosía precisa mudar o que semellaba inmutable. En Galicia hai unha chea de cousas desta índole, ben enraizadas na nosa tradición e moi pouco suxeitas a cambios comunicativos. Unha delas é sen dúbida o viño e as celebracións que se fan arredor del: basicamente iguais, na súa esencia, ás que se levaban a cabo hai séculos. Porén, os responsables da Feira do Viño de Chantada e dos telecentros da dita vila lucense, Monforte, Oroso e Santiago veñen de darlle ao dito festexo un novo aire que ten moito de tecnolóxico ao mesmo tempo que de preservación da súa esencia. Trátase de levar a práctica da cata de viños, esencial dentro do programa da Feira, ao eido da videoconferencia.
Pois ben, segundo informa a Rede de Telecentros, xa están cubertas todas as prazas para participar dende as ditas localidades nesta proba de caldos colectiva e dixital, organizada (como dixemos) ao abeiro do programa da Feira. Con todo, os interesados en inscribirse nos puntos de acceso de Carballo, Catoira, Tui e O Barco aínda poden facelo dende o portal do Centro Multimedia de Galicia.
Poden facelo de dous xeitos: premendo na ligazón habilitada ou ben chamando ao Centro de Atención ao Usuario (CAU) do organismo, ao número de teléfono 902 922 270. Os asistentes a esta cita enolóxico-dixital, que se desenvolve das 20.00 ás 22.00 horas do día 11 de marzo dende o telecentro chantadino, terán ao seu alcance todo o material preciso para a cata, como os caldos, as cuspideiras, copas...
A enóloga Mar Vilanova, investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), será a encargada de abrir o acto e dar paso a unha cata guiada dos viños desa subzona, durante a cal todos os presentes en cada un dos telecentros poderán formular as súas dúbidas e experiencias, valéndose das vantaxes e posibilidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías. Por certo que o límite de participantes para esta actividade é de 229 persoas.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















