Amosan o que será o futuro novo smartphone coa marca BlackBerry

xoves, 5 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Dende que TCL colleu as rendas da fabricación dos novos smartphones coa marca BlackBerry esperábase que vese a luz o smartphone coñecido co nome en clave Mercury e lucindo teclado QWERTY. Aínda que o dispositivo non sairá oficialmente até o Mobile World Congress de Barcelona, no CES de Las Vegas xa se deu a coñecer.
O novo teléfono xa non é ningunha sorpresa, e en Engadget incluso publican fotos detalladas do mesmo, dando conta de que o DTEK70 sería un teléfono con Android 7.0 e as aplicacións de BlackBerry precargadas. A barra de espazo do teclado físico integra un lector de pegadas dixitais, e o botón de inicio de Android tamén pode funcionar a xeito de touchpad (na liña do que facía o BlackBerry Passport).
Aínda que haberá que agardar ao mes que vén para coñecer os detalles do smartphone, o feito de que non sexa un Alcatel remarcado, ou sexa, que conte cun deseño de seu, podería ser unha peza importante para que o público mirase con mellores ollos este produto e recuperase a confianza nos teléfonos con teclado físico (ou, cando menos, dos seareiros dos clásicos BlackBerry).

JPEG - 80.1 KB
TCL aposta polo teclado QWERTY para recuperar a confianza dos seareiros da marca BlackBerry

PUBLICIDADE