Amosan na Coruña os proxectos finais de Talentum Startups Galicia

venres, 31 de outubro do 2014 Redacción

Esta mañá a sede coruñesa da Fundación Barrié acolleu un acto de peche da presente edición do programa Talentum Startups (na súa vertente galega), na que os seus proxectos máis representativos puideron verse en presentacións de 4 minutos nas que amosaron o seu concepto innovador e con vocación emprendedora, para ser avaliados por varios expertos que puideron ver posteriormente o estado actual de desenvolvemento destas iniciativas e someter aos seus responsables a preguntas para coñecer de preto os seus produtos e o seu potencial comercial.
As iniciativas emprendedoras que nos últimos meses gozaron do programa Talentum que puideron verse na Coruña foron:


- Thunder Breaker. Un aditivo xogo arcade para móbil no que crearemos e pilotaremos a nosa propia nave. Teremos milleiros de opcións de personalización “que farán cada partida única”. Foi presentado por Raúl Martínez e Abrahan Dopazo.

- Trendon.me. A plataforma en liña para o mundo da moda na que tendas, deseñadores, promotores e afeccionados atoparán un espazo común onde descubrir, compartir e comprar moda. Cunha rede social creada por e para a moda, os usuarios poderán coñecer tendencias, compartir e comentar. Pero tamén adquirir artigos, non só de grandes marcas, senón tamén de pequenas boutiques e deseñadores noveis. Defendeu o proxecto Nuria Iglesias.

- Keyless home. Unha solución que simplifica a apertura das portas dun edificio ou vivenda substituíndo as chaves polo móbil con tecnoloxía NFC. Aforra custos á comunidade ao mesmo tempo que se incrementa a seguridade controlando de forma inmediata quen pode acceder ao edificio e as súas instalacións. Amosaron un prototipo do produto Carlos Rosales e Ricardo de Juan.

- War of Sides. Un xogo de realidade aumentada para móbiles no que loitaremos contra dragóns e outras criaturas. Os nosos adversarios, amigos ou non, estarán á espreita para roubarnos os nosos territorios. “Fantasía e realidade mesturaranse botando man das últimas tecnoloxías nos móbiles: xeolocalización, xiroscopio, cámara e o acceso a datos na nube” que foi presentado por Saúl Molinero.

PUBLICIDADE