Amosan como enganar ao lector de pegadas dixitais do Samsung GALAXY S5

mércores, 16 de abril do 2014 Marcus Fernández

Como xa acontecera co lector de pegadas dixitais do iPhone 5S, un vídeo de SRLabs demostra como o escáner de pegadas do Samsung GALAXY S5 adoece das mesmas carencias, e pode enganarse cunha pegada dixital falsa para poder acceder ao smartphone sen autorización e, o que resulta máis grave, poder aprobar operacións a través de PayPal, destacando unha vez máis a baixa seguridade deste tipo de medidas de identificación biométrica.
Cómpre destacar que o sistema de Apple, Touch ID, require a introdución do contrasinal do dispositivo cando menos unha vez por cada reinicio do terminal, pero no dispositivo de Samsung é posible empregar só o desbloqueo mediante a pegada, o que fai bastante máis vulnerable o dispositivo.
Dende PayPal aseguran que toman moi en serio a descuberta de Security Research Labs, pero consideran que a identificación mediante a pegada dixital é máis segura e doada de empregar que un contrasinal para a realización de pagamentos dende o móbil e, dado que PayPal non rexistra a pegada do usuario (que permanece sempre no seu dispositivo) estiman como medida suficiente que o usuario poida revogar a autorización do smartphone para empregar PayPal no caso de que o seu móbil se perdese ou fose roubado.


Vídeo no que amosan como é posible enganar ao sensor de pegadas dixitais do Samsung GALAXY S5

PUBLICIDADE