Amosados no Centro Demostrador TIC os proxectos AutoTIC e ControlBox

martes, 31 de marzo do 2015 Redacción

O Centro Demostrador TIC (Centro Novas Tecnoloxías de Galicia) acolleu a semana pasada de dous proxectos empresariais galegos no que xuntan forzas catro firmas punteiras do noso sector: Imatia e Sixtema por unha banda, e Infonet e Hacce pola outra. Segundo reflicte o Clúster TIC Galicia (organización da que son integrantes as ditas empresas), trátase de dous proxectos innovadores en todo o sentido do termo, entendéndose por innovación aquilo que se fai coa arela de medrar e obter rendemento, si, pero tamén co obxectivo de achegar un plus de mellora para as empresas, cidadáns e institucións da súa contorna. Imatia e Sixtema presentaron AutoTIC, e Infonet e Hacce amosaron ControlBox.
AutoTIC ten como obxectivo a creación e desenvolvemento de tecnoloxía axeitada que permita simplificar e axilizar o desenvolvemento de aplicacións móbiles híbridas de maneira sinxela, produtiva, adaptábel e flexíbel. Segundo reflicte o Clúster, o eido de aplicación demostrativo de ditas tecnoloxías é o do coche conectado, polo que para facilitar a transferencia de coñecemento creouse unha aplicación que involucra coche conectado, balizas de proximidade e sistemas de información xeográfica.
Pola súa banda, ControlBox é un produto innovador no ámbito da seguridade informática. Abrangue labores de configuración e integración de hardware con ferramentas de software que permiten observar e descubrir o que acontece nunha rede de equipos informáticos mediante a interceptación das comunicacións e toda a actividade realizada nos equipos. Controbox, nun plano máis concreto, posibilita o achado de evidencias de fugas de información, empregados desleais, hábitos de navegación incorrectos, ameazas de seguridade internas, problemas de mobbing e ameazas, etc, amais de facilitar o cumprimento de determinadas obrigas legais segundo os regulamentos da LOPD.
Os devanditos proxectos desenvolvéronse co apoio do Plan Estratéxico do Clúster e co financiamento do Ministerio de Industria, a través do programa de apoio a AEI e Fondos FEDER.

PUBLICIDADE