
O Kindle 2 é máis fino e lixeiro que o seu antecesor, goza de maior autonomía pero non varía o seu prezo, que é de 359 dólares. O máis destacable deste dispositivo sería que mellor o seu atractivo estético, o que podería ser decisivo para unha maior implantación, aínda que haberá que agardar ao seu lanzamento o vindeiro día 24 para ver cómo o acolle o público.

Ten unha memoria interna de 2 Gb (suficiente para almacenar uns 1.500 libros), a súa batería pode cargarse por USB nunhas 4 horas e podería achegar unha autonomía de ata 4 días coa conectividade sen fíos activada e ata 2 semanas con ela apagada (duraría un 25% máis que o Kindle orixinal), pois hai que lembrar que o lector inclúe un modem EVDO, de xeito que descarga os contidos a través de telefonía móbil (aínda que ese tipo de conectividade está presente en pouco países coma EE.UU., México, Brasil e Venezuela, o que supón un freo para a globalización do dispositivo) o que permite o seu uso sen contar cun ordenador para a carga de contidos.

No tocante aos contidos dispoñibles para o Kindle, queda claro que ese é o seu punto forte, pois conta cun catálogo de máis de 230.000 libros, así como a posibilidade de subscribirse a xornais internacionais, revistas e blogs. Amais, para celebrar o novo dispositivo o propio Stephen King estrea UR, un libro exclusivo para o Kindle que creou certa confusión ao presentar na súa portada un Kindle de cor rosa, que non existe comercialmente, o que levou a moitos a pensar que aínda que o trebello sexa de cor branca, no futuro podería contar cunha oferta cromática máis atractiva, seguindo os pasos de dispositivos coma os iPod.
O Kindle 2 tamén mellorou a súa ergonomía, incorporou funcións que facilitan a lectura de novas de xornais, acelerou os tempos de cambio de páxina un 20% (aínda que dado que falamos dun tempo moi reducido non resulta un detalle moi relevante) e permite facer anotacións á marxe dos libros (grazas ao seu teclado), así como marcar páxinas.


Vídeo de presentación do Kindle 2
