Amazon Go, a tenda sen caixas rexistradoras

luns, 5 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Conquistar o comercio electrónico en liña non parece ser suficiente para Amazon, e a compañía norteamericana leva meses abrindo tendas físicas e servizos que cada vez se achegan máis ao consumidor, e agora amósanos o que sería toda unha revolución con Amazon Go, un novo concepto de tenda que funcionaría en combinación cunha aplicación que o usuario tería no seu smartphone, de xeito que poderá coller os produtos que queira no establecemento e poder saír coa compra feita sen ter que facer cola para pasar por caixa, xa que o sistema é capaz de levar conta de todo o que o cliente vai collendo mentres percorre a tenda.
Amazon asegura que a experiencia de compra en Amazon Go gardaría moitas similitudes con tecnoloxías como os coches autónomos, xa que combina visión artificial e sensores para detectar cando se retira e devolve un produto aos estantes, de xeito que vai incluíndoos a un cariño da compra virtual que ao saír da tenda traducirase nun recibo electrónico que teremos no móbil, completando unha mecánica moi áxil e cómoda.
Polo momento só hai unha destas tendas piloto, de 167 metros cadrados, na cidade de Seattle, e polo momento só está dispoñible para empregados de Amazon, de xeito que non estará aberta ao público até primeiros de 2017, ofrecendo principalmente produtos de alimentación e servindo así de demostración ao mundo de que a innovación non pode chegar só en liña, senón que tamén é susceptible de afectar aos establecementos máis tradicionais.

Vídeo promocional de Amazon Go

PUBLICIDADE