Alejandro Escobar, de Aitire, presidente da Asociación Galega de Empresas de Software Libre
luns 23 de xaneiro do 2012, por |

- Os socios fundadores de Aitire: Antonio Durán e o presidente entrante de AGASOL, Alejandro Escobar
AGASOL, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, comeza o novo ano con novidades. Por unha banda, as boas previsións de crecemento coas que contan as nosas firmas de programación aberta logo dos froitos recollidos en 2011: un volume de negocio tres veces maior ca no ano anterior. Pola outra, as novas facianas da súa xunta directiva, dadas a coñecer trala asemblea ordinaria celebrada os días pasados en Santiago. Como resultado desta xuntanza, Alejandro Escobar, da empresa Aitire, será o novo presidente de AGASOL, en substitución de Jorge Váquez, de Redegal.com.
Esta reestruturación da directiva, informa a entidade empresarial galega, vai supoñer en boa medida unha continuidade sobre o acadado até o de agora, moi positivo para o sector, pero tamén unha achega de ilusión renovada e de acubillo extra para novos proxectos.
Na asemblea, amais de terse elixido aos vindeiros responsábeis directos de AGASOl, tamén se fixo un reconto das actividades desenvolvidas en 2011 e unha aproximación ás que están por vir, que se prevén moitas. O balance do negocio, sinala a asociación, foi “extraordinariamente positivo”.
Alejandro Escobar, da empresa Aitire, seguirá acompañado na directiva de AGASOL por Xavier Castaño -Igalia-; Mª Xosé Fernández -Dimensiona-; Xaime Garaboa -Signo-; e Francisco González -Pexego-, aos que se une Antón Román de Quobis.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















