Activistas en liña fanlle chegar ao Goberno a listaxe de 1.200 webs a prol das descargas
martes 9 de marzo do 2010, por |

- 7 hacktivistas fixeron entrega da lista de Sinde
Se hai algo no mundo ao que costa variarlle os seus hábitos é sen dúbida o usuario da Rede, e todo iso malia a natureza espallable e cambiante do que ten entre mans (ou ben precisamente por ese motivo). Isto vén a conto porque dunha gran tentativa xeralizada de cambio de costumes é do que trata unha boa parte da política na Rede do Goberno de España, ao que lle preocupa (moito) o nivel de liberdade ao que se ten chegado no tema do ceibe intercambio de ficheiros. Dito doutro xeito: tal e como vimos constatando nos últimos tempos, é ben probable que a idade de ouro do eMule estea chegando á súa fin. Isto non significa que a comunidade internauta estea de acordo. Máis ben o contrario, se temos en conta iniciativas como a que se vén de levar a cabo: a entrega no Ministerio de Industria dunha listaxe de case 1.200 webs que promoven as descargas. Segundo conta Xornal, a idea dos responsables deste xesto é estragar as pretensións de pechar as webs que promovan ou anuncien os intercambios de filmes, cancións ou xogos.
A listaxe, que conta nas súas fileiras con pequenos buscadores de torrents (redes como portas abertas nos ordenadores polas que discorren os ficheiros), tivo o seu xermolo a finais de 2009, cando diferentes internautas a prol do libre fluxo cultural puxéronse de acordo na web Hacktivistas.net para botar a perder os obxectivos do Executivo central. Todo isto, por certo, fíxose baixo un nome común, A lista de Sinde, que falaba ben ás claras sobre a posición do grupo respecto do Goberno e do Ministerio de Cultura, coresponsable destes asuntos e dirixido por Ángeles González-Sinde.
O caso é que dende esta fronte colectiva animouse aos webmasters e blogueiros do Estado a incorporar xanelas nos seus espazos en liña para procurar arquivos de descarga na Rede. A medida, que vai en contra das bases do Anteproxecto de Lei de Economía Sostible (onde se inclúe esta arela de pechar páxinas web que dean azos ao intercambio libre) presentouse perante a Internet como un exemplo de desobediencia dixital contra o dito pre-regulamento.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















