Acer pon á venda nos EE.UU. un monitor ultra-panorámico optimizado para os videoxogos

mércores, 1 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Para conseguir unha sensación máis envolvente e inmersiva, Acer pon á venda nos EE.UU. o seu novo monitor XR341CK, que impresiona por ter un tamaño de 34 polgadas e unha resolución de 3.440 x 1.440 píxeles, ou sexa, que sería unha pantalla ultra-panorámica (21:9) que conta cunha leve curvatura para compensar o seu tamaño e conseguir unha visualización máis confortable.
Aínda que podemos pensar que este tipo de pantalla estaría pensada para a visualización de películas, realmente está máis orientada aos videoxogos, para o que integra a tecnoloxía AMD FreeSync que permite que as tarxetas gráfica poidan controlar a velocidade de refresco da pantalla, evitando certos defectos de visualización presentes en moitos monitores.
Esta pantalla goza dun panel IPS que permite unha precisión de cor e un ángulo e visión moi amplo, pode funcionar a taxas de refresco moi elevadas (na súa resolución máxima pode operar a 75 Hz), integra 2 altofalantes de 7W con son DTS, a súa velocidade de respostas é de só 4 milisegundos e está dotado cunha boa conectividade: HDMI 2.0, DisplayPort, miniDisplayPort e concentrador USB 3.0.
Aínda non sabemos cando vai chegar esta pantalla a España, pero polo momento sábese o seu prezo de 1.099,99 dólares (988,44 euros), o que pode parecer un tanto elevado, pero cómpre destacar que estamos a falar dunha pantalla de grande rendemento.

PUBLICIDADE