Ábrese a inscrición ao III encontro Coruña Bloggers

luns, 19 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Javier Pedreira Wicho durante a súa intervención no II Coruña Bloggers

Tal e como adiantamos a semana pasada, a partires de hoxe é posible inscribirse para a vindeira edición de Coruña Bloggers, detallándose finalmente os contidos deste encontro de blogueiros coruñeses que buscan compartir experiencias e coñecementos.
A xornada botará a andar no Bergin Bar cunha charla de Mapi Báez, social media personal trainer de redes sociais, análise de presenza en liña e community manager para PEME e autónomos, na que falará sobre como crear un calendario editorial que poidas cumprir; a quen seguirá Óscar Reboiras, community manager de R dende 2014, que tamén se encarga da actualización dos contidos das páxinas web de produtos da compañía de telecomunicacións, e que explicará a estratexia e xestión das redes sociais en organización a través do caso R.
A organización lembra que a entrada é de balde, pero prégase acudir cun mínimo de 1 quilo de comida non perecedoira para entregar á Cociña Económica; e tamén dáse conta de que durante o tempo de networking tras as charlas sortearase un smartwatch, cortesía de Opirata.com e poderanse degustar galletas que achegará Sonia de La Dulce Comarca.
Os encontros de Coruña Bloggers están organizados polo blogueiro Manolo Rodríguez (responsable de redes sociais de La Opinión A Coruña) e Antonio Sangiao (de Pasquino Comunicación), e teñen periodicidade mensual, de xeito que os últimos mércores de cada mes procurarán dinamizar o panorama blogueiro coruñés e galego con interesantes e variados relatorios.

PUBLICIDADE