Ábrese a inscrición ao Dico Summit 2017

xoves, 5 de xaneiro do 2017 Redacción

Hoxe ábrese a inscrición ao evento DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017, organizada para os días 24 e 25 de xaneiro pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración co Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia e que xuntará na Cidade da Cultura a profesionais e representantes de empresas de referencia como Technicolor e Nokia, entre outros, para abordar as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos.
Ao longo de dúas xornadas, Dico Summit 2017 ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por un lado, os paneis e intervencións de entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.
Ademais, contarase cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.

PUBLICIDADE