Deputacon de Pontevedra

Esta web apoia  iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

O noso boletín por e-mail conta xa con 3067 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia


Revista en PDF:

Descárgaa xa












 


Axencia Galega de Innovacion

AMTEGA

Abastsocial.com: novo centro comercial en liña que dá financiamento a proxectos sociais e ambientais

mércores 6 de marzo do 2013, por Fernando Sarasqueta | | Compartir | |

Dun tempo a esta parte, debido aos malos intres económicos que estamos a vivir e debido tamén á busca de novas fórmulas de actividade económica (máis xustas e solidarias) diferentes das habituais, están a proliferar na Rede novos servizos que fan compatíbel a arela de beneficio coa sustentabilidade e o respecto pola contorna social na que se insiren. A pregunta que nos podemos facer ao respecto é: por que non chegaron antes este tipo de iniciativas? Unha das máis recentes que albiscamos pola Internet é Abastsocial.com, posta en marcha en Catalunya por un grupo de emprendedores de Mataró e cunha serie de elementos que non estaría mal ter en conta para a súa posíbel aplicación na nosa terra. Trátase, para entendérmonos, dun servizo para dar financiamento a proxectos de carácter social e ambiental que calquera persoa ou asociación pode presentar. Ou sexa, un centro comercial en liña cun toque solidario e equitativo.
Funciona repartindo unha porcentaxe do importe de cada venda en tres frontes: doazóns a ONG, financiamento de proxectos de tipo social e ambiental e unha rede de comisións entre os propios usuarios da páxina (de xeito que cada usuario recibe unha cantidade do diñeiro que gastan os seus convidados creando un espazo de até cinco niveis de comisión). Arestora, os responsábeis do servizo teñen o apoio da Fundación Banco dos Alimentos de Barcelona e a Federación Catalá de Entidades contra o Cancro, sendo a intención a de ampliar esta colaboración a unha terceira entidade de ámbito internacional, “en sintonía co alcance global do proxecto”, sinalan.
A oferta de produtos e servizos que se poden atopar supera xa a cifra de catro mil. “Trátase dun catálogo moi variado pero á vez coherente posto que a gran maioría dos artigos responden os criterios de ecoloxía e proximidade que definen o proxecto”, engaden os creadores deste centro comercial en liña. A nivel práctico, Abastsocial.com ofrece a calquera persoa ou asociación que se rexistre a posibilidade de transferir as comisións acumuladas no saldo virtual de Abastsocial á súa conta bancaria real, “de maneira que tanto os particulares como as asociacións, se son quen de construírse unha boa rede de comisionistas dentro da plataforma, poden acabar xerando uns ingresos extra a finais de mes moi proveitosos nos tempos que corren”, explican. Esperan que a iniciativa arrinque con ilusión e que moi axiña se poidan empezar “a financiar os proxectos que a sociedade precisa”.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa das Hedras 4 1º G (Pol. Novo Milladoiro)
15895 Ames - Milladoiro
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS