AbalarMobil chega xa ás 62.000 familias

luns, 1 de xuño do 2015 Redacción

A aplicación AbalarMobil, que permite facer seguimento da actividade académica dos nosos fillos empregando os dispositivos móbiles, segue a estender o seu radio de acción. Así nolo informou os días pasados AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e a Consellería de Cultura de Cultura e Educación, responsábeis deste desenvolvemento. Segundo fixeron saber, incrementouse o número de centros que poden dispor de AbalarMobil, “beneficiando así a un meirande número de familias”. Arestora está presente en máis de 62.000 fogares do alumnado matriculado en 150 centros das 4 provincias galegas (64 da Coruña, 27 de Lugo, 19 de Ourense, 40 de Pontevedra).
Lembrar que as nais e pais que teñan nos seus trebellos a ferramenta móbil poden facer cousas como consultar as cualificacións dos seus fillos, solicitar unha cita de titoría, verificar e xustificar as faltas de asistencia; visualizar as faltas de conduta, os horarios e as materias; acceder ás incidencias creadas polo profesorado e aos avisos ou notificacións dos docentes ou do centro educativo, e modificar o idioma da aplicación.
“A principal vantaxe desta ferramenta”, explican AMTEGA e Cultura, “é que simplifica o acceso a estas funcionalidades con respecto aos servizos que ofrece espazoAbalar, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación”.
Para o vindeiro curso académico 2015/2016 ampliarase aínda máis o alcance de AbalarMobil, sendo o obxectivo chegar, de maneira paulatina, ao resto dos centros educativos. “Cando estea plenamente funcionando en todos os centros educativos, preto de 400.000 nais e pais poderanse beneficiar das vantaxes da aplicación”, sinalaron os seus responsábeis.

PUBLICIDADE