AMTEGA e CIXUG premian unha aplicación aberta para o cálculo de rutas en transporte público

luns, 20 de outubro do 2014 Redacción

Resolveuse finalmente o premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre. Logo dunha recta final na que quedaron claras varias cousas a ter en conta (record de participación nesta convocatoria do primeiro, a elevada calidade das propostas presentadas, o amplo abano de cuestións sociais, tecnolóxicas e económicas que abrangueron), concedéuselle o devandito galardón o pasado venres 17 de outubro a Vreixo González Caneda da Universidade da Coruña polo proxecto Aplicativo de cálculo de rutas en transporte público con software libre. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA. Esta edición do premio veu da man, precisamente, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o CIXUG (consorcio galego das tres universidades para o desenvolvemento de aplicacións para a xestión).
Segundo explicaron, o proxecto gañador é unha ferramenta para o sistema operativo Android, que ofrece cálculo multimodal de rutas en distintos medios de transporte publico, a pé e en bicicleta como ferramenta de busca das mellores rutas. Ademais, entregouse tamén un segundo premio a Iago Veloso Abalo pola proposta Sistema de gravación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre para a xestión da programación dunha radio comunitaria, así como dun sistema de gravación e publicación automática das emisións. Este galardón conta cunha dotación económica de 750 euros achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa no marco de colaboración asinado coa AMTEGA.
Como dixemos, se por algo se caracterizou esta edición, e así o fixeron saber as entidades convocantes, foi pola alta participación (15 proxectos inscritos) e pola alta calidade e o amplo alcance das propostas. Ademais, rexistrouse unha “gran variedade” nas áreas temáticas abordadas, xa que ademais das habituais titulacións informáticas, houbo proxectos da Escola Técnica de Enxeñería Técnica Industrial da UDC, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas de Vigo, da Escola Universitaria Politécnica da UDC e da Facultade de Matemáticas da USC.
Segundo engaden o CIXUG e AMTEGA, “un aspecto a valorar neste diversidade é que por vez primeira dous proxectos, ademais de desenvolvemento de software publicado con licenza libre, empregaron tamén hardware libre, o que demostra que a cultura libre non é exclusiva do ámbito do desenvolvemento de software”. O xurado estivo composto por Luís María Hervella Nieto en representación da Universidade da Coruña, José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Javier Rodríguez Martínez en representación da Universidade de Vigo, Brais Arias Río en representación da Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL e dous representantes da Amtega, Juan Víctor Rodríguez Arós e Breogán Cinza Cabarcos.
Os outros tres finalistas do premio a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron David Albela Pérez (coa Aplicación de soporte para o mantemento de produtos software, que permite xestionar as peticións de cambio e as actividades necesarias para desenvolvelos, proporcionando unha serie de indicadores a nivel de proceso, que permitan facer un seguimento do mantemento), Santiago Saavedra López (co Trustable Distributed Storage over Untrusted Peers, un proxecto co que se pretende desenvolver unha rede distribuidora de contidos actualizábeis e versionábeis sen necesidade dun terceiro de confianza) e Damián Aragunde Pérez (polo Deseño e implementación dunha ferramenta de axuda á audición mediante o uso de tecnoloxías móbiles, que consiste no desenvolvemento do aplicativo para dispositivos Android OK-OH! que percibe o son circundante mediante os micrófonos e ofréceo ao usuario de maneira clara e aumentada).

PUBLICIDADE