AMTEGA e AETG unen forzas para encamiñar aos concellos que desexen despregar infraestruturas TIC

luns, 31 de marzo do 2014 Redacción

Na mañá de hoxe asinaban un acordo de colaboración en Santiago de Compostela a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Ramón Bermúdez de Castro. Neste convenio a AETG pon á disposición dos concellos galegos un servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación.
Deste xeito -dende mañá, 1 de abril- un equipo de traballo específico, integrado por enxeñeiros de telecomunicación, achegará soporte centralizado e permanente ás entidades locais para resolver dúbidas sobre a aplicación da normativa e cuestións técnicas da posta en marcha dos equipamentos de telecomunicación que afectan ás actividades das Administracións locais. Dicir que este servizo estará a disposición dos concellos a través do teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.org.
Por que nace esta idea? Con ela quérese eliminar as dificultades de actualización normativa e de acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento cotián destas administracións locais. Preténdese facer máis doado o desenvolvemento ordenando as telecomunicacións en todo o territorio, promovendo un ambiente favorábel que atraia o investimento dos operadores e facer que todos os cidadáns poidan acceder a máis e mellores servizos de telecomunicación alcanzables.
O convenio tamén inclúe a realización dun estudo sobre a calidade do servizo das redes de acceso de banda larga a través de tecnoloxía sen fíos existentes en Galicia. Esta actuación levarase a cabo tomando como referencia obxectivos acadados coa execución do Plan de Banda Larga de Galicia. Subliñar que arestora o Plan foi quen de dar acceso á Internet a máis de 700.000 galegos dos 786.000 que non dispoñían deste servizo en 2009.
A AMTEGA achegará á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia 65.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.

PUBLICIDADE