AGESTIC presenta unha actividade formativa para aproveitar ao máximo a nova realidade dixital

xoves, 19 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC) comeza o ano con formación especializada para non caermos nunha das peores cousas que se lles pode facer ás redes 2.0: desaproveitalas. A achega divulgativa, que AGESTIC vai ofrecer de balde en compaña de Ventus Consulting, consiste en favorecer que as nosas empresas e os nosos autónomos se poñan ao día na cuestión das redes sociais, unha cuestión nova que amais renóvase cada pouco, polo que se fai especialmente preciso un apoio formativo como este. A actividade, que se dirixe a profesionais de calquera sector, tamén abranguerá cuestións como o comercio electrónico ou a formación a distancia. Conta co apoio financeiro do Ministerio de Industria, Fondo Europeo, a través do Plan Avanza, e vaise desenvolver baixo o seguinte epígrafe: Curso de especialización: Novas competencias e ferramentas web 2.0.
A actividade incluirá un total de 180 horas lectivas, a desenvolver en formato en liña. A Universidade Politécnica de Madrid achegaralle a certificación aos participantes, que poderán achegarse aos contidos a través de tres bloques:
1 Competencias do e-profesional. Dirixido a optimizar o emprego da información da web. Durará 40 horas e centrarase sobre todo en desvelar as necesidades do profesional na economía dixital e en desenvolver diversas ferramentas e recursos para traballar de xeito colaborativo e participativo e, tamén, en capacitar aos participantes para empregar do xeito máis óptimo posíbel os recursos 2.0.
2 Negocio electrónico. Orientarase a subministrar as chaves da pequena e mediana empresa na economía dixital. Terá unha duración de 80 horas e, entre as competencias a adquirir, inclúe as seguintes: claves para implantar unha estratexia de e-negocio, claves para participar na sistematización de procesos de negocio electrónico orientados ao eido industrial ou recursos para avanzar cara a empresa dixital, a empresa 2.0.
3 Capacitación en e-formación. Facilitará o coñecemento preciso para avaliar o nivel formativo dos cursos en liña e as plataformas de formación dixital, así como coñecer as pautas para deseñar procesos de formación e aprendizaxe web, usando diferentes canles e recursos formativos. Durará 60 horas.

PUBLICIDADE