AGESTIC e Xóvenes Agricultores informarán das vantaxes das redes en 60 núcleos do noso rural

xoves, 15 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Recoller o modelo irlandés de dinamización das redes no rural a través dunha proposta que non carece de lóxica: o aproveitamento das entidades que xa dinamizaban antes da chegada da Internet. Por exemplo: as asociacións agrarias. Este é un dos alicerces do novo programa de espallamento dixital apoiado polo Ministerio de Industria que está a preparar na nosa terra o colectivo AGESTIC: Impulso Rural. A iniciativa, que se vai desenvolver entre xaneiro e marzo en estreita colaboración con Xóvenes Agricultores, incluirá entre outras actividades até 60 accións formativas noutras tantas localidades das nosas catro provincias. O obxectivo: fomentar fóra das grandes cidades a aposta pola Sociedade da Información, plena de vantaxes para absolutamente todos os sectores económicos e sociais do rural: até para os teoricamente máis afastados da cousa dixital. Máis polo miúdo, o que se pretende é afianzar os usos das redes da información na xestión das explotacións agro-gandeiras, cooperativas, empresas autónomas, negocios turísticos ou teletraballo.
Segundo informou AGESTIC en Santiago esta semana, aos obxectivos devanditos hai que engadir con esta medida un compromiso pola mellora de condicións de traballo dun colectivo especialmente ligado ao noso ámbito non urbano: o dos autónomos e autónomas, que arestora representan unha cifra de 234.000 cidadáns en Galiza. Para a asociación, unha iniciativa como Impulso Rural é positiva non só para informar polo miúdo das utilidades das redes entre amplas franxas da nosa sociedade que aínda non tiveron sequera un primeiro contacto con aquelas, senón tamén para relembrarlles ás empresas responsables de achegar accesos dixitais e ás institucións a importancia de habilitar conectividade naquelas zonas (moitas) que aínda non dispoñen dela.
Na actualidade”, comentou o responsable de AGESTIC, José María López Bourio, “o ADSL no rural vai dez veces máis lento ca na cidade, e se pode dicir que hai máis de 8.000 núcleos de poboación aos que aínda non chegou a conectividade”. Para López Bourio, non é preciso facer grandes e custosas estatísticas para dar conta de primeira man do desleixo de Telefónica á hora de contar con clientes illados nas aldeas. Nunha liña crítica semellante situouse tamén o secretario xeral técnico de Xóvenes Agricultores, Juan Orozco, quen durante a rolda de prensa de presentación de Impulso Rural, tivo palabras de queixa respecto ao que considera unha marxinación dixital do noso agro por parte dos entes públicos: “No campo exprópiannos as fincas para facer autovías, para instalar parques eólicos, para instalar redes eléctricas…, pero logo non podemos gozar deses adiantos. Agradecemos ao Ministerio de Industria que apoie esta iniciativa, pero ten que saber que, polo menos en Galicia, os seus propios obxectivos non están cumpridos en absoluto, como de xeito trabucado presumen na súa web”. A seu xuízo, o problema da ausencia de Internet en amplas áreas da nosa xeografía é un problema herdado de décadas, mesmo de antes da chegada da Rede: relembroulles aos presentes os graves atrancos que aínda teñen algunhas familias para ter un servizo de telefonía básica en condicións. Para Orozco, é preciso facilitarlles aos agricultores ferramentas que lles eviten os desprazamentos ás vilas: “Queremos poder facer todo o papeleo das Consellerías do Medio Rural e Medio Ambiente, pero tamén queremos sacar os permisos de caza e pesca, e beneficiarnos da banca electrónica”.

Recursos da campaña

Segundo informou AGESTIC, a iniciativa de dinamización Impulso Rural contará con profesionais especializados que atenderán aos interesados que teñan explotacións ou negocios non só no sector primario senón tamén no comercio e os servizos, os obradoiros ou os profesionais como carpinteiros ou electricistas. Ademais de aprenderlles a usar os buscadores de Internet na procura de emprego ou teletraballo, familiarizaranos coas ferramentas de intercomunicación internáutica ou as vantaxes de contar con factura e sinatura electrónica, ademais de ensinalos a pedir cita no médico ou na ITV do coche, facer a declaración da renda, consultar o catastro, matricularse na universidade ou facer cursos on-line.

PUBLICIDADE