AGASOL prepara para o 12 de xuño un gran escaparate de solucións de negocio en aberto: (r)evoLuƧión

mércores, 20 de maio do 2015 Redacción

Será o vindeiro mes de xuño (o día 12) cando teña lugar a xornada (r)evoLuƧión Cara a modelos de negocio baseados en solucións TIC de código aberto dende as 9:00 até as 19:00 horas no compostelán Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás). O evento nace con vontade de punto de encontro de experiencias inspiradoras para profesionais do eido tecnolóxico e para todas aquelas persoas interesadas en tecnoloxías de código aberto en calquera sector da sociedade, isto é: empresas tecnolóxicas, profesionais de diferentes disciplinas, estudantes, etc.
E que se quere acadar con esta xuntanza? Pois servir de escaparate de experiencias, novidades e solucións en código aberto, ser un espazo de networking e contactos entre profesionais de diferentes disciplinas ou inspirar a aquelas persoas que queiran descubrir novos xeitos de emprender e desenvolver novos produtos/servizos de base código aberto.
Cómpre dicir que esta xornada está organizada por AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) en colaboración coa AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e contará coa presenza de relatores como Juan Freire ou Javier de la Cueva. Asemade, estarán presentes empresas galegas e estatais con presenza internacional como son Paco y Lola, OpenROV, ICARTO, Anubia, IGALIA…
Engadir que a asistencia é de balde, previa inscrición.

PUBLICIDADE