A web galega de Ikea ofrecerase integramente na nosa lingua

venres, 25 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Que Ikea se comprometera coa nosa lingua xa antes da súa apertura na Coruña non é unha novidade. Pero que leve esa estratexia (lingüística e, cómpre non esquecelo, tamén comercial) até o punto de ofrecer unha páxina integramente en galego si que xa non se agardaba, e máis tendo en conta que estamos a falar dunha empresa multinacional, e a idea xeneralizada é que este tipo de firmas non soe destacar moito polo respecto ás linguas e ás identidades dos seus clientes. A medida de Ikea, que está a ser moi ben saudada na Rede galega (aínda recoñecendo a súa vontade de chamar a atención do mercado), foi dada a coñecer por Daniel Rivero, responsable da tenda na Coruña, quen nunha entrevista con La Opinión manifestou que a aposta de Ikea co galego é firme e que esta decisión veu tomada tamén polos problemas técnicos que se rexistraron para ofrecer unha versión bilingüe da web, e que postos a elixir entre castelán e galego, quedáronse co segundo.
Amais, está prevista a publicación en breve do catálogo de Ikea, que tamén se editará no noso idioma no mes de setembro. Con todo, e malia este esforzo salientable pola lingua, cómpre lembrar que non todo semella bos agoiros con respecto á chegada da empresa sueca á nosa terra. Así, non hai que ter moita visión de futuro para albiscar un panorama ben estreito de posibilidades para os pequenos e medianos empresarios do país ligados á decoración e ao mobiliario. O desembarco de Ikea á Coruña e logo (esta é a previsión da multinacional) a Vigo pode significar un bo golpe.

PUBLICIDADE