A web da UVigo que promove as segundas vidas dos aparellos opta a un premio internacional

venres, 24 de outubro do 2014 Redacción

A Universidade de Vigo informou esta semana do interese que está a xerar no plano internacional unha das web de seu, máis polo miúdo a páxina web de ecoRaee, un proxecto financiado polo programa Life +, no que participan cinco departamentos da Universidade de Vigo, xunto co centro EnergyLab e a empresa Revertia. O obxectivo da iniciativa, sinala a institución académica, é “demostrar que aumentar a vida útil dos aparellos eléctricos e electrónicos é unha solución viábel económica, técnica e ambientalmente”. Informa tamén que este tipo de refugallos acadan cada ano a cifra das 200.000 toneladas, só en España. Volvendo ao interese xerado pola web, dicir que a iniciativa opta a un dos premios do certame The.eu Web Awards.
O sitio competirá con outras dúas páxinas na modalidade Better World. A páxina vén da man do profesor do Departamento de Informática Javier Rodeiro, que incide na importancia que para os integrantes do proxecto ten a súa visibilidade e o feito de que fose un produto onde a información chegase de xeito directo ao usuario, sen saturacións e da maneira máis doada posíbel. A web, que emprega bootstrap para o aspecto da interface, favorece a visibilidade en calquera dispositivo e calquera resolución de pantalla.
Respecto do certame, vén da man de EUrid, unha organización sen ánimo de lucro seleccionada pola Comisión Europea tras un proceso de licitación, que funciona mediante o deseño, integración e mantemento das bases de datos e da infraestrutura técnica necesaria para que o .eu estea presente en Internet. As cinco categorías fixadas son as seguintes: Leaders, para negocios establecidos con máis de dez empregados; Rising Stars, para star-ups con entre un e des empregados; Laurels, para sitios educativos, institucionais; House, para webs de noticias, medios, entretemento e Better World, para proxectos medioambientais.

PUBLICIDADE