A vindeira versión de Android chamarase Nougat

xoves, 30 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Os nomes que reciben as sucesivas versións de Android atenden a unha temática (doces) e a unha orde (alfabética) e de Android 7.0 polo momento só sabiamos que levaría como alcume unha palabra que comezase por N, polo que moitos confiaban en que, ao igual que co K empregárase unha marca (KitKat), desta volta puidésemos ter un Android Nutella, pero finalmente Google quixo desmarcarse e anunciou en primicia a través de Snapchat que o novo Android chamarase Nougat (un produto de orixe francesa semellante ao turrón).
Para celebrar o nome da vindeira versión de Android no Campus de Google xa colocaron a respectiva estatua do robot de Android acompañado por tres barras de nougat, e aínda que o doce francés é típico do Nadal (como o turrón de Alacante), non haberá que agardar tanto para que chegue a versión final de Android 7.0, prevista para finais de agosto ou primeiros de setembro.
Aínda que Nougat non sexa o nome que esperaban a meirande parte de desenvolvedores de Android (que ante a posibilidade de que non se chegase a un acordo con Nutella suxerían Neapolitan, en referencia ao clásico corte de xeado napolitano composto por capas de chocolate, vainilla e fresa), resulta o suficientemente curioso como para que calle, sendo só cuestión e tempo que nos familiaricemos co nome oficial de Android N, dando por feito que para o ano que vén imos ver algo semellante con Android O (pois aínda que existen moitas larpeiradas con tal inicial, a existencia da marca Oreo posiblemente teña moito peso entre os usuarios).

Vídeo no que desvelan a nova estatua de Android no Campus de Google

PUBLICIDADE