A tecnoloxía galega, un exemplo a seguir en Madrid
mércores 21 de xullo do 2010, por | |
| Compartir |
As persoas responsables da área de
innovación e desenvolvemento da Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) e do
Polígono Industrial de Sabón (Arteixo, A Coruña), que recentemente uniron
forzas para mellorar a I+D+i das súas empresas asociadas, vanse achegar hoxe
mesmo a Madrid para colaborar no Programa de Cooperación entre Parques
Industriais e Tecnolóxicos (COPIT) que se celebra na capital, para contar de
primeira man a súa experiencia neste proxecto, escollido como “caso de éxito” entre todos os levados a
cabo en España.
Como resultado da primeira fase deste
programa, iniciada a finais de 2009, pecháronse dous acordos en firme para
levar a cabo proxectos de I+D+I conxuntos entre dúas empresas de Sabón e o
Centro Tecnolóxico AIMEN, (que ten a súa sede comercial na Tecnópole) e,
segundo informan, “estanse a concretar
outras dúas colaboracións que aínda están en fase de negociación”.
É por isto que o programa terá
continuidade tamén este ano, no que se agarda que os contactos para intercambio
de oferta e demanda de tecnoloxía se materialicen en máis futuras colaboracións
entre empresas galegas.
A experiencia da que falarán hoxe en Madrid, na que tamén participou o Polígono
Industrial de San Cibrao das Viñas (Ourense), será presentada no marco da
xornada informativa sobre o Programa COPIT, e a ela asistirán representantes de
todos os parques e polígonos españois participantes, que aproveitarán para
coordinarse de cara á segunda fase do programa.
Os proxectos de I+D+i que se están a poñer en marcha como froito dos
intercambios propiciados por COPIT en Galicia desenvólvense nos ámbitos da
enxeñería de materiais e do medio ambiente, e son o resultado de tres sesións
de traballo levadas a cabo por videoconferencia.
Isto permitiu que a distancia xeográfica
non fose unha barreira para establecer un primeiro contacto entre empresas
galegas con intereses comúns, un dos principais obxectivos do programa, e tamén
posibilitou a mellora da súa competitividade grazas á cooperación de base
tecnolóxica.
En toda España
Esta iniciativa estase a levar a cabo en toda España a través de 20 parques
científicos e tecnolóxicos e 28 polígonos industriais, que buscan mellorar a
competitividade das empresas e centros tecnolóxicos situados nestes recintos a
través de fórmulas de cooperación entre eles.
O Programa está financiado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio
mediante fondos FEDER e nel colaboran a Asociación Española de Parques
Científicos y Tecnológicos de España (APTE), a Coordinadora Española de
Polígonos Industriales (CEPE), a Escuela de Organización Industrial (EOI) e a
Empresa Nacional de Innovación (ENISA).
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














