A semana de recollida de RAAE en Pontevedra permitiu reunir máis de 50 aparellos

xoves, 28 de maio do 2015 Redacción

A Vicerreitoría do Campus de Pontevedra fixo reconto do material xuntando para reciclaxe ao longo da semana da recollida de RAAE (Refugallos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), celebrada entre o 18 e 22 de maio: máis de medio cento de aparellos electrónicos (monitores, computadoras, impresoras e unha morea de móbiles, teclados e cables). A primeira edición desta campaña (inserida no programa Green Campus e desenvolvida nos diferentes centros do Campus) terá continuidade en datas vindeiras.
Segundo salienta o vicerreitor Juan Manuel Corbacho, a iniciativa foi “moi positiva”, ao igual que a implicación e participación da comunidade universitaria.
A recollida de material foi desenvolvida co gallo da celebración o 17 de maio do Día Mundial da Reciclaxe, “nunhas datas nas que a xente está moi centrada nos exames ou nos traballos de fin de grao”, engadiu o vicerreitor.
Contribuír ao correcto tratamento destes residuos e, ao mesmo tempo, concienciar á comunidade universitaria da importancia da reciclaxe e o risco que os RAEE para o medio ambiente eran os dous obxectivos dunha iniciativa que forma parte do plan de acción do proxecto Green Campus e que a Vicerreitoría levou a cabo coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, encargada de realizar a recollida dos dispositivos depositados nos diferentes puntos para trasladalos a un xestor autorizado.
Respecto das vindeiras edicións, Corbacho adianta que a idea é levar a cabo unha segunda recollida a finais de xaneiro, “coincidindo co inicio do segundo semestre e co período de rebaixas, no que normalmente se mercan novos equipos, o que provoca que teñamos na casa outra serie de aparellos que xa non se van a usar nin teñen valor”.

PUBLICIDADE