A revista satífica Botafumeiro rexorde durante a celebración de Viñetas desde o Atlántico

xoves, 13 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun ano nacía a revista satírica dixital O Botafumeiro, que seguindo os pasos de Orgullo y Satisfacción opta pola exploración dos soportes dixitais para chegar ao público, antes as dificultades que na actualidade ten a edición en papel, pero comprobando en primeira persoa as dificultades para prosperar no mercado dixital, tanto pola falta de hábito dos lectores a ler en pantallas (de ordenador, eReaders ou tabletas) como pola dificultade de darse a coñecer. A estes atrancos tamén habería que sumar o estarmos ante un medio en galego, o que xa de por si supón o dirixirse a un público moi reducido.
Pese a todo o mencionado, a publicación conseguiu distribuír tres números publicados nun curto período de tempo, o que provocou certo desgaste, que levou a que mudasen o seu rumbo para centrarse a producir contidos que se distribuíron durante meses a través de distintas plataformas sociais con bastante éxito, pero a celebración do festival Viñetas desde o Atlántico levounos a reformular a súa proposta, e pensar en devolver o proxecto ás súas orixes, pero dun xeito máis realista. Botou a andar así esta semana o segundo volume do Botafumeiro, revista dixital que pode descargarse a través da súa páxina web por un prezo que decide o propio lector, e esta mañá os seus coordinadores quixeron explicar a súa iniciativa dentro das actividades de Viñetas.
Segundo mencionan Alexandre Viñuela Jano e Cristo Aleister, a nova etapa da revista Botafumeiro relaxa a súa periodicidade, para publicarse cada 3-4 meses, e incluso prevendo a organización de campañas de micromecenado para financiar a comercialización de volumes impresos nos que recompilarán parte do material publicado en liña. Deste xeito é posible que O Botafumeiro pase a ser unha publicación con certa actividade na Rede que cada ano podamos ver en soporte físico co gallo de eventos como a feira da banda deseñada da Coruña, conseguindo así adaptarse ás novas tendencias deste mercado tan dinámico no que pode considerarse como un xeito de encher un baleiro moi importante que había no noso mercado editorial, que quedar orfo de publicacións nas que recoller as obras dos autores locais.
Precisamente un dos grandes méritos desta publicación electrónica é que xunta a numerosos autores galegos como Dani Xove, Jano, Cristo Aleister, Martín Romero, Los Bravú, Luís Sendón, Manel Cráneo, Fernando Ruibal, Xoán Andrade, Álvaro Valiño e moitos outros (entre os que destacan varias figuras femininas como Paula Carro e Verónica Godoy, algo pouco frecuente no mundo do humor gráfico e da sátira), que teñen así unha plataforma para amosarse ao mundo, sendo todo un esforzo a coordinación dos seus traballos para crear un produto con identidade de seu, que estes días podemos ver como se está a promocionar na Coruña, nunha caseta na Rúa da BD de Viñetas desde o Atlántico (nos Xardíns de Méntez Núñez) onde os responsables da revista buscaron un xeito de casar o mundo real co dixital, entregando aos visitantes que queren facerse cunha copia da súa publicación un papeliño no que figura un código de descarga para facerse co número 1 do segundo volume da revista Botafumeiro. Un proxecto que promete dar guerra durante moito tempo, para o que procurará facer ruído para que a xente non esqueza a importante de contar cunha revista satírica que fale do noso contorno e na nosa lingua.

En Viñetas desde o Atlántico os responsables da revista Botafumeiro reparten códigos de descarga para facerse co seu último número

PUBLICIDADE