A provincia de Lugo acollerá unha nova edición do obradoiro-concurso A Maxia da Robótica

martes, 26 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A Maxia da Robótica é unha actividade que ten como base inicial a realizada no marco da Semana da Ciencia 2008 en Lugo e da Semana da Ciencia 2009 en Santiago, dúas citas nas que puideron participar máis de 1.100 persoas, brindándoselle este ano a posibilidade de implicación á veciñanza da Mariña Luguesa, con Burela e arredores como eixe principal. A iniciativa, que se concibe como un divertido achegamento á robótica, parte da base de que a automatización, o desenvolvemento de máquinas que nos axuden nas nosas tarefas cotiás, é un eido de “absoluto futuro e con potencial para promover a cultura científica na nosa sociedade”, sinalan dende a Institución Galega de Ciencia, organizadora do evento.
Máis polo miúdo, a Maxia da Robótica é un compendio de actividades (obradoiro – exposición - concurso) encamiñadas a unha experiencia de aprendizaxe. “Nin á cidadanía, nin á xente nova se lle presentan oportunidades de familiarizarse con este eido, polo que a innovación e a orixinalidade está asegurada”, comentan, ao que engaden, deixando claro o seu eido de actividade principal: “Queremos levar á cidadanía e aos centros educativos unha ciencia do futuro e non do pasado”. A iniciativa, que se desenvolverá ao longo dunha semana (do 9 ao 13 de novembro), ten formato de obradoiro, e nel, monitores e monitoras encargaranse de dinamizar, pola vía da investigación en robótica, os centros educativos en horario de mañá e tarde.
A estrutura da actividade é a seguinte:
· Obradoiro-Exposición interactiva. Constitúese por unha serie de 10 postos cun ordenador e un pack lego xa preensamblado e diversas actividades interactivas a realizar, en proposta guiada polos monitores e monitoras. Ten a finalidade de darlle vida e facer funcionar ao robot.
· Concurso. Para o profesorado e o alumnado de Galicia e con premios de 300, 200 e 100 euros para o primeiro, segundo e terceiro equipo clasificado en cada nivel, habendo tres niveis de Primaria e 1º de ESO, resto da ESO e Bacharelato e ciclos formativos de 1º grao.

PUBLICIDADE