A primeira convocatoria de ReaccionaTIC quere dixitalizar 65 PEME galegas

luns, 23 de xaneiro do 2017 Redacción

Este sábado deuse a coñecer no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da concesión das axudas aos servizos de asistencia, diagnose e soporte na implantación de solucións de Empresa Dixital e Industria 4.0 do Programa ReAccionaTIC, promovido pola AMTEGA e o IGAPE. Estes servizos de pulo á empresa dixital serán emprestados ás PEME (Pequenas e Medianas Empresas) beneficiarias a prezos reducidos por axentes colaboradores, grazas ao cofinanciamento da Xunta. Emporiso, nesta primeira convocatoria, os servizos máis demandados polos solicitantes foron os servizos de acompañamento para a implantación de solucións de mercadotecnia dixital de cara a optimizar a presenza en Internet da empresa; logo, os servizos para a elaboración da diagnose do grao de modernización tecnolóxica co fin de identificar aquelas oportunidades de mellora con maior impacto no incremento da competitividade da empresa.
Asemade, o Reacciona TIC achega tamén un catalogo de solucións para impulsar a Empresa 4.0 con servizos encamiñados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución. Neste eido tamén se ofrece apoio para achegar solucións organizativas e/ou tecnolóxicas, ou para a xeración de modelos e realización de procesos.
E que se pretende con estes servizos? Pois a Administración autonómica quer mellorar o futuro das empresas galegas mediante a adquisición de novas competencias e incorporación de tecnoloxías que lles permitan gozar de vantaxes competitivas, co apoio de axentes colaboradores especializados, integrados por empresas tecnolóxicas, que as asesorarán e acompañarán en todo o proceso.
Informar que xa se están a avaliar as solicitudes recibidas na segunda convocatoria do Programa ReAccionaTIC e a terceira, xa activada, está aberta até o 28 de febreiro. A terceira convocatoria será en marzo e prolongarase até finais de maio.
O programa ReAccionaTIC conta cun orzamento total de máis de 2,3 millóns de euros, dos cales 1,26 millóns serán achegados pola AMTEGA e 1,11 millóns polo IGAPE.

PUBLICIDADE