A portuguesa ZON anuncia a comercialización a partires de setembro de conexións á Rede a 1 Gbps

venres, 7 de agosto do 2009 Marcus Fernández

A operadora de telecomunicacións lusa ZON anunciou esta semana que vai mellorar a súa oferta de accesos á Internet de alta velocidade (que actualmente achega conexións de ata 100 Mbps de baixada e 6 Mbps de subida) para que a partir de setembro os seus clientes poidan contratar novos accesos á Rede de 1 Gbps ou de 200 Mbps, co que pretenden que Portugal sitúese á cabeza da banda larga mundial, asegurando dende a compañía que serían o primeiro país europeo en comercializar este tipo de accesos para o público residencial.
Este anuncio resulta un tanto sorprendente porque incluso no Xapón as conexións a 1 Gbps teñen unha implantación moi limitada, pois para facelas posibles é preciso cambiar as instalacións actuais de cable coaxial a conexións que leven directamente a fibra óptica ao usuario (FTTH), polo que entendemos que a nova oferta lusa está moi limitada en dispoñibilidade xeográfica, de xeito que non a poderán contratar os preto de 1,4 millóns de fogares portugueses nos que está dispoñible as actuais conexións de 100 e 50 Mbps senón só un grupo moi reducido de «zonas preseleccionadas».

PUBLICIDADE