SICON

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

A oitava edición do Play-Doc de Tui comeza a facer ruído nas redes

luns 6 de febreiro do 2012, por Fernando Sarasqueta | | Compartir | |

A semana pasada presentouse en Tui unha nova edición, a oitava xa, do seu certame audiovisual: Play-Doc Festival Internacional de Documentais. O evento, que se vai desenvolver en 2012 do 21 ao 25 de marzo, está xa a repuntar na Rede, nestes días previos á súa apertura, achegando xa información sobre actividades e, tamén, pondo en marcha medidas para fortalecer o financiamento do certame. De feito, Play-Doc segue o ronsel da gran maioría das producións independentes da actualidade, facéndose posíbel con axudas de tipo tradicional pero, tamén, coas achegas dos internautas-seareiros do cinema.
A ocasión merece este apoio dos navegantes, e máis se temos en conta que Play-Doc é un festival prestixioso e senlleiro que pon a unha vila pequena, e máis á nosa terra por enteiro, no centro mesmo da creatividade internacional de vangarda.
A presentación veu da man de Sara García e Ángel Sánchez, acompañados de Moisés Rodríguez, alcalde de Tui, e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez. Todos eles salientaron a importancia do certame como o evento cultural máis importante da vila, cualificándoo como “a xoia da cultura tudense”. Os méritos de Play-Doc, engadiron, son moitos e variados, e entre os máis importantes sitúase o feito de ser un festival achegando dende a periferia artística e xeográfica, dende un punto moi afastado do comercial. O Play-Doc, con todo, foi quen de traer á nosa terra a figuras tan importantes como Rithy Pahn, Raymond Depardon, Avi Mogravi ou Marcel Lozinski.
Sara García destacou que “a edición deste ano vai ser histórica, ao cristalizar todos os esforzos realizados ata o de agora”. Tamén recoñecía a co-directora do festival galego que para chegar a esta edición tiveron que facer fronte aos problemas de visibilidade e de orzamento que supoñen facer un evento desta dimensión nunha localidade pequena, polo que dicía que “están moi contentos de poder anunciar esta oitava edición”. Aos problemas de financiamento, propios destes tempos que estamos a vivir, enfrontáronse con esforzo, ilusión e, tamén, innovación. De feito, da busca de novas canles de apoio xorde, precisamente, a estratexia de crowdfunding da que falamos ao comezo deste artigo, unha fórmula do noso tempo, apoiada no potencial das webs e as redes sociais, que se basea en algo que xa vén de antigo: a posta en común da forza de moitas/os. Para quen queira afondar nos obxectivos desta nova edición do festival, dicirlle que están plenamente activos os espazos propios de Facebook, MySpace e Twitter.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS