AOI

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

A industria editorial española comeza a tomar posicións fronte ao libro dixital

venres 3 de xullo do 2009, por Marcus Fernández | | Compartir | |

JPEG - 59.3 KB
O Papyre é un lector de libros electrónicos de fabricación española

Aínda que o mercado europeo está a pór moitos atrancos á chegada do libro dixital, finalmente comezan a tomar medidas e Planeta, Santillana e Random House Mondadori comezan a traballar cos axentes literarios para negociar e distribuír os dereitos de libros dixitais, chegando xa a acordos (aínda sen asinar), resultando especialmente complexo o cambio de modelo de negocio, onde os soporte físico, a impresión baixo demanda e o formato dixital poderían ter xestións independentes, o que a industria actual quere evitar.
Un dos grandes conflitos que existen nas negociacións entre editores e escritores son as contraprestacións por dereitos de autor, que nos e-books queren ser de entre o 25 e o 40%, cando en papel son de media dun 10%, aínda que iso responden ao feito de que os soportes físicos son máis caros,e o que buscan é que os ingresos por libro para o autor sexa independente do seu formato.
Na actualidade os editores están a traballar na dixitalización das obras (paso previo á súa oferta coma descarga) e incluso pretenden protexer aos libreiros, que poderían vender códigos de descarga, o que non deixa de parecer un parche temporal, xa que de cara ao público resultaría algo ridículo ter que desprazarse a unha libraría tradicional para mercar unha descarga (cando a operación podería realizarse dende a comodidade do fogar), e esta mesma fórmula é a que se rumorea que empregará Sony para convencer ás tendas de videoxogos para que vendan a consola PSPGo (e que parece condenada ao fracaso).
Pero os editores non poden relaxarse, e coma comenta Javier Martín, da axencia literaria Carmen Balcells, «debemos crear unha oferta antes de que haxa demanda porque se non atopan o que queren o piratearán», lección que aprendeu polas malas a Industria discográfica.
Nas últimas semanas son moitos os rumores sobre o lanzamento de plataformas para libros electrónicos en Europa, e dende Planeta, Santillana e Mondadori cren que antes de rematar o ano pode haber novas e sorpresas a este respecto, de xeito que algún centro comercial podería comezar a vender dispositivos de lectura de xeito masivo, replicando o éxito do Kindle de Amazon (que en calquera momento tamén podería desembarcar a esta lado do Atlántico).
Tampouco hai que esquecer que a revolución editorial non podería chegar só á ficción, senón que incluso os libros de texto de primaria e secundaria poderían dixitalizarse a medio prazo, o que podería supor un duro golpe a moitos negocios tradicionais.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS