A galega WeKAb dá a coñecer o seu proxecto perante entidades de formación andaluzas

martes, 3 de maio do 2016 Fernando Sarasketa

Juan Diego Pereiro Areán cos fundadores de WorKInCompany: Alberto Pérez Sóla e Jaime Aranda

A firma galega WekAb estivo os días pasados en Sevilla para intercambiar experiencias e información con formadores e entidades do ámbito formativo andaluz. Nos encontros participou o fundador e director executivo da empresa con sede na Coruña, Juan Diego Pereiro, quen complementou as xuntanzas coas entidades de ensino locais cunha charla en Sevilla na que explicou os “porqués” e os “comos” de facerse formador. Como lembraremos, WekAb é a firma responsábel do portal do mesmo nome (WekAb.com), innovador portal de traballo centrado en achegar recursos para ensinantes. Segundo informa a empresa, WekAb xa conta con máis de 850 formadores na devandita comunidade autónoma.
Como dixemos, a visita de Pereiro complementouse cunha charla, desenvolvida no espazo de coworking WorkInCompany baixo o epígrafe Cariño quero ser formador. Por que e como facerse docente? Ao longo da charla e contando cunha gran participación do público, Juan Diego falou da situación actual do sector da formación de adultos en España, e salientou as razóns e os aspectos positivos que para calquera profesional ou empresa achega o feito de compatibilizar a súa actividade habitual coa docencia. O evento, no que participaron algo máis de 30 persoas, estaba dirixido a profesionais, seareiros das TIC e especialistas en divulgación de múltiples áreas do coñecemento (oficios, xestión, servizos, etc).
Como lembraremos, WeKAb comezou a súa andaina hai apenas un ano, froito dunha idea emprendedora que cobrou vida na primeira edición de Open Future de Telefónica celebrada en Galicia. A día de hoxe conta con máis de 5.250 formadores e 210 entidades de formación, ten ámbito estatal e firmes e consolidadas previsións de internacionalización. Boa para da súa actividade céntrase en acadar que os profesionais de calquera póla do coñecemento poidan darse a coñecer, xerar reputación e “formarse como formadores”, á vez que se facilita o acceso aos mesmos a empresas e entidades formadoras. Como resultado disto, sinalan dende WeKAb, redúcense nas empresas e entidades os seus custos operativos e melloran a calidade da formación que imparten “ao contar con profesionais con reputación e especializados en cada materia”.

PUBLICIDADE