A galega Situm Technologies sitúase entre as gañadoras do concurso Elevator Pitch Singularity University

luns, 16 de marzo do 2015 Redacción

O pasado venres a startup galega Situm Technologies foi elixida como unha das tres gañadoras do concurso Elevator Pitch Singularity University, no que 25 empresas emerxentes españolas competían por posicionarse entre as tres startups españolas con máis potencial no campo dos smartphones e a mobilidade mediante a dinámica do elevador pitch, ferramenta de comunicación que consiste en resumir un discurso de presentación nunha mensaxe curta.
A proba tivo lugar a tarde do venres no Teatro da Mestranza de Sevilla, dentro do cumio español Singularity University, a entidade máis prestixiosa e especializada a nivel internacional no ámbito da investigación e desenvolvemento de novas tecnoloxías, que ademais conta co apoio da NASA, Google e a aceleradora europea IMPACT.
Tras presentar a súa tecnoloxía en tres minutos ante un xurado composto por expertos en tecnoloxía e no negocio móbil, Situm posicionouse entre as tres empresas vencedoras. Como gañadora, a nova empresa galega obtén puntos extra no proceso de selección ao programa de aceleración do Consorcio IMPACT, no que os seus participantes optan a unha dotación de financiamento de 100.000 euros a fondo perdido, así como a formación e acceso a investidores.
O Elevator Pitch Singularity University premia proxectos tecnolóxicos na área dos móbiles e a mobilidade que subministren calquera tipo de estudo, servizo, aplicación web, historia, desenvolvemento, aplicacións para dispositivos móbiles intelixentes, etc. utilizando as tecnoloxías FIWARE.
As tres startups gañadoras desta entrega do Elevator Pitch Singularity University foron: Mencanta, unha aplicación móbil do ámbito da moda, con sede en Sevilla; Pul-security, unha idea creada en Madrid para a seguridade e monitorización de pacientes en servizos de teleasistencia; e Situm, unha empresa galega capaz de dotar a grandes o superficies de servizos de localización e navegación (GPS de interiores).
Situm Technologies é unha empresa asentada en Compostela dedicada ao deseño e desenvolvemento de sistemas de localización e navegación en interiores para smartphones. A partir disto, ofrece servizos xeoposicionados que se basean na creación de apps para móbiles e permiten, entre outros:
- guiado de persoas en grandes superficies
- busca de produtos e tendas en centros comerciais
- promocións personalizadas para cada usuario (sobre a base dos seus hábitos e posición en tempo real)
- estudo de comportamento de clientes en tenda (p. ex. traxectorias, puntos quentes, etc.)
- información sobre a posición de empregados en tempo real (p. ex. en fábricas)
- audioguías xeoposicionadas para museos.

PUBLICIDADE