A galega Redegal aposta polo deseño adaptábel na nova tenda web de Bimba & Lola

xoves, 25 de outubro do 2012 Redacción

A empresa galega Redegal, nada en 2004 con profesionais do sector TIC para afianzarse no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas no eido da comunicación (empregando a fondo software libre), vén de materializar a nova tenda de comercio electrónico de Bimba & Lola. De entrarmos na web da marca de moda, espazo en liña desenvolvido logo de meses de traballo, á primeira ollada albiscaremos unha diferenza salientábel en canto a amplitude e flexibilidade de contidos. O segredo atópase na aplicación dun deseño adaptábel -responsive design- que fai que as usuarias e usuarios non noten a diferenza entre a súa experiencia online dende un monitor de escritorio a grande resolución, un tablet, un smartphone...
De feito, o contido axústase de xeito automático ao tamaño da pantalla do dispositivo, achegando unha boa visualización sexa cal for o caso.
Cómpre dicir que a nova pantalla de inicio é a primeira mostra dos cambios no tratamento de contidos: fotografías amplas, calidade, produtos agrupados por seccións... contribúen a unha meirande visibilidade. Asemade, se atendemos a un senso funcional, a páxina posúe tamén un novo deseño do Lookbook, que achega unha pasarela a través da cal será ben doado localizar os modelos e acceder ao miolo de cada produto.
Outras novidades da nova web de Bimba&Lola son a sección Campaña e a sección Journal, alén de existir a posibilidade de establecer un vínculo entre navegante e marca grazas ás súas canles e redes sociais.
Por último, subliñar que este proxecto é o resultado da colaboración de Redegal con Akamai, unha solución que acelera a entrega de aplicacións e contido dinámico, así como co departamento de TI da marca téxtil en tanto á instalación da plataforma DataCenter, que permite aplicar as melloras técnicas.

PUBLICIDADE