SICON

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

A galega Bahía Software obtén un novo recoñecemento pola súa solución de mellora dos diagnósticos médicos

mércores 7 de decembro do 2011, por Fernando Sarasqueta | | Compartir | |

A empresa galega Bahía Software, con sede en Santiago de Compostela, vén de obter un importante recoñecemento ao seu labor no eido específico da achega de novas ferramentas tecnolóxicas para a mellora e optimización da atención sanitaria. Máis polo miúdo, o recoñecemento veu dado polas múltiples vantaxes e funcionalidades de Bay DICOM Media, innovadora solución de imaxe médica dixital desenvolvida pola compañía galega que vén de ser premiada como Mellor solución TIC nacional de saúde e benestar. O galardón vén da man da plataforma tecnolóxica eVia, a través do seu grupo de traballo Coordina2, que atopou unha chea de factores positivos na ferramenta de Bahía, factores entre os que se conta o seu potencial á hora de mellorar os diagnósticos médicos.
De feito, segundo nos conta a firma galega, a solución galardoada é a única do seu ámbito (imaxe radiolóxica dixital) que permite importar e exportar estudos médicos e converter ao formato DICOM de imaxe médica estándar. O xurado valorou tamén as funcionalidades da ferramenta para xestionarmos, dende o punto de vista do paciente, a nosa propia información de saúde. Isto valeríanos, por exemplo, para obter un segundo punto de vista médico.
Este recoñecemento de eVia súmase ao concedido hai unhas semanas polo Colexio e a Asociación de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia (COETG-AETG), que durante a pasada edición da Noite das Telecomunicacións decidiu outorgarlle a Bahía Software o Premio ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais para Galicia. Sobre estes e outros galardóns, José Ramón Varela, director de Proxectos da empresa galega, amosa o importantes que resultan para unha firma que, lonxe dos orzamentos e dos centros de actividade das grandes multinacionais, leva sempre por diante a innovación social como un compromiso firme: “Ámbolos premios son moi importantes para nós xa que supoñen un recoñecemento á nosa aposta pola innovación no desenvolvemento de novos produtos, así como un apoio ao esforzo dos nosos profesionais ao pór a disposición de médicos e pacientes un produto de gran calidade, baseado na imaxe médica dixital, que lles permita compartir información de xeito áxil e sinxelo; ademais, a implantación dun sistema de imaxe médica dixital supón un máis que importante aforro de custes para hospitais e centros de saúde”. Sobre este último punto, salientar que con Bay DICOM Media é posíbel, entre outras cousas, recuperar as imaxes do paciente do sistema informático e salvagardalas nun suporte de almacenamento convencional (CD, DVD, USB ou SD) para seren lidas por calquera software compatíbel co estándar de imaxe médica. Este soporte inclúe, ademais das imaxes dixitais, os datos médicos e os do doente. “Desta maneira”, engade Bahía, “facilítase a integración da imaxe médica e informes entre sistemas públicos e a actividade realizada en hospitais concertados e privados; ao tempo que se traballa por conservar a trazabilidade no manexo da información garantindo a confidencialidade do paciente e seguindo a Lei Orgánica de Protección de Datos”. A través dun pequeno software incorporado, o doente pode abrir este soporte no seu computador persoal co fin de consultar a súa propia historia médica sen necesidade de ter ningún programa especial.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS