A galega Altia abre unha importante vía de servizos TIC co sector público estatal

mércores, 20 de xuño do 2012 Raquel Noya

O pasado 4 de xuño, o Consorcio constituído por Altia Consultores e KPMG Asesores, formalizou, nas dúas categorías obxecto de licitación (tipos I e II), o Acordo Marco AM 26/2011 convocado pola Subdirección Xeral de Compras da Dirección Xeral de Patrimonio do Estado (coñecido como Catálogo de Patrimonio), para a contratación de servizos de desenvolvemento de sistemas de información, entrando así a formar parte dun restrinxido número de empresas.
Isto quere dicir que Altia se converte na primeira e única empresa tecnolóxica galega adxudicataria do devandito Acordo Marco, reforzando así “o seu liderato no sector TIC de Galicia”, afirman.
En suma, a formalización deste acordo, que entrará en vigor o vindeiro 30 de xullo, supón na práctica que o Consorcio se atope entre o restrinxido grupo de empresas coas que as Administracións Públicas adscritas ao Catálogo de Patrimonio poderán contratar servizos de desenvolvemento de sistemas de información.
O presidente de Altia, Constantino Fernández, mostrou a súa satisfacción por “este logro” do que di ter un significado especial para a compañía “xa que se trata dun premio á estratexia seguida por Altia dende a súa creación”, concretou.
O acordo, que lle abre a Altia unha importante vía de oportunidades de negocio no sector público, ten unha duración máxima de dous anos, prorrogables a outros dous.

PUBLICIDADE