A firma británica Imperial adquire a galega Apparcar

mércores, 29 de xuño do 2016 Redacción

A empresa inglesa Imperial Civil Enforcement Solutions (Imperial) vén de facerse coa start-up galega Apparcar, investida por Wayra España, a aceleradora de Telefónica Open Future. A firma adquirida, como xa avanzamos no seu día dando conta da súa estreita relación con Wayra, desenvolveu unha innovadora aplicación móbil para iOS e Android que axuda aos condutores a atopar unha praza libre de aparcadoiro, “guiándoos ao seu destino cun só clic”. Esta solución, de balde para os usuarios finais, instálase nas cidades grazas a acordos con concellos e xestores de aparcamentos, que ven como principais beneficios unha mellor xestión do tráfico e unha menor contaminación (o 30% do tráfico nas cidades débese á procura de aparcadoiro).
A firma galega desembarca no Reino Unido tras realizar probas en cidades como Madrid, Santiago de Compostela, Oviedo e Northampton, con máis de 7.000 condutores. Segundo lembran dende a aceleradora de Telefónica, “o que de verdade fai única a Apparcar é que non esta tecnoloxía non precisa sensores nin ningún outro tipo de hardware para identificar que prazas están baleiras e dispoñíbeis”.
Ashley Bijster, director Xerente de Imperial, informa que “a compra realizouse porque Apparcar é unha solución moi sinxela e eficaz que proba que é posíbel ter o mellor de dous mundos: por unha banda, é un servizo fiábel e cómodo para os condutores, e por outra banda, permite un mellor control do estacionamento para os xestores”. Ademais, sinala, “a aplicación fai desaparecer a frustración, incerteza e incomodidade de buscar unha praza libre”. Ao seu xuízo, “os datos en tempo real, obtidos a través das accións dos usuarios e do GPS, son moi valiosos ao permitir seguir a evolución dos espazos de aparcadoiro e o comportamento dos condutores; isto facilita ás autoridades locais o desconxestionamento do tráfico, o control do estacionamento e simplifica os procedementos”.
Apparcar é froito do enxeño dos seus fundadores, os galegos José Luís Leirós e Alexandre Freire, e foi amosado con éxito nalgúns dos eventos máis importantes do sector, como a feira Smart City Expo World Congress 2015, celebrada en Barcelona, e Parkex 2016, que tivo lugar recentemente no Reino Unido.
“Estamos encantados de unir forzas cunha compañía tan respectada e especializada como Imperial”, sinala Jose Luís Leirós, engadindo que “o éxito das probas en España xerou interese en moitos países e en especial no Reino Unido”. Na súa opinión, “a experiencia dos condutores é mala en calquera parte do mundo e os responsábeis de xestionar os aparcadoiros nas cidades enfróntanse a un gran reto”. Neste senso, indica, Apparcar “é unha solución que permite obter información da ocupación en tempo real para que condutores e xestores poidan tomar sempre as mellores decisións”. Leirós tamén amosou a súa confianza en que, logo desta adquisición, Imperial implante Apparcar noutros países.

PUBLICIDADE