A ferramenta galega CreaAppcuentos, galardoada en SIMO Educación 2014

luns, 20 de outubro do 2014 Redacción

A aplicación infantil CreaAppcuentos, da que falamos a pasada semana para dar conta da súa integración alén do universo da nenez (e meténdose de cheo xa na súa explotación como ferramenta comunicativa e interactiva para empresas, organizacións sen arela de lucro e entidades de todo tipo), vén de ser recoñecida como a mellor ferramenta de ensino e divulgación nos Premios á Innovación Educativa outorgados en Madrid o sábado 18 de outubro no salón SIMO Educación 2014 de IFEMA, a segunda edición do evento. Avelino Correa e Antonio Escudero, fundadores de CreAppcuentos, recolleron o premio Mellor App Educativa que outorgaba a organización da feira da man de María Valcarce, directora de SIMO Educación.
Para Avelino Correa, “o premio é un recoñecemento ao traballo dun ano e á colaboración de educadores que nos permitiu crear unha ferramenta útil no ámbito da educación”. O xurado estivo composto pola devandita María Valcarce, directora de SIMO Educación e Javier Palazón, director de Educación 3.0, quen decidiron o gañador do concurso.
Sinalar tamén que CreAppcuentos foi un dos cinco proxectos finalistas dun total de 20 candidaturas na competición 15minutosdegloria celebrada pola mesma organización, un certame paralelo que consistiu en permitir exposicións de proxectos perante público profesional das TIC e da docencia, e todo nun prazo de tempo de 15 minutos e co obxectivo de convencelos das vantaxes particulares e especiais de cada iniciativa. CreaAppcuentos resultou gañadora do galardón á mellor presentación cunha contía de 1.000 euros.
A día de hoxe, a ferramenta creada polos galegos Avelino Correa e Antonio Escudero está a utilizarse en 50 centros educativos de toda España e xa foi descargada en máis de 60 países.
Os premios á Innovación Educativa de SIMO Educación recoñecen tanto o traballo de profesionais como de compañías e institucións que fomentan o desenvolvemento e a implantación de solucións TIC do sector educativo.

PUBLICIDADE