A ferramenta Tellmebye permítenos facer testamento dixital ante notario

venres, 22 de maio do 2015 Redacción

O avance cara ao dixital é un proceso imparábel. O renovarse ou morrer vén moi a conto nesta información que achegamos, pois nela únense dous conceptos: a morte e a Internet. Estamos a falar de Tellmebye, a primeira ferramenta web pensada para aqueles que desexen permanecer en liña para sempre, deixando a súa pegada vital e dixital na Rede despois de mortos. Estamos perante unha maneira de enganar a morte para permanecer vivo, dun xeito dixital, na Internet... Deixar planificada a herdanza de todo o legado dixital: entrega de documentos, mensaxes, lembranzas ou contidos a familiares e/ou outras persoas, son algunhas das cousas que posibilita agora esta nova achega.
Tellmebye permite agora asinar perante notario un testamento dixital co legado dos seus usuarios. O dito espazo vén de converterse nun proceso totalmente compatíbel e aceptado polos notarios. Trátase dun paso avante cara á dixitalización cotiá do testemuño dixital dunha persoa, pois até o de agora só se podía deixar constancia do legado físico do individuo logo do seu pasamento.
Segundo afirma Carlos Jiménez Lajara, Founder & CEO de Tellmebye, “desde o comezo, sempre buscamos a máxima legalidade da ferramenta e o xeito de asegurar que as persoas dispuxesen das máximas garantías para que os seus legados dixitais fosen aceptados de maneira xurídica e notarial”. De feito, Esther Benages e Carlos Jiménez (fundadores de Tellmebye) foron as primeiras persoas en presentar e rexistrar o primeiro testamento dixital perante notario, entregando senllos documentos impresos mediante a ferramenta especializada en herdanzas dixitais.
Cómpre salientar que dende o seu lanzamento, a plataforma -impulsada por catro emprendedores cataláns e un cántabro-, centrou a súa distribución no mercado español e estase a internacionalizar en Latinoamérica, coa súa presenza en México. Entre outros servizos, a innovadora plataforma permite configurar a propia herdanza dixital, pondo a disposición do usuario un conxunto de ferramentas e servizos para elaborar o testamento vital e establecer as últimas vontades, evitar a perda de contidos dixitais, eliminar perfís en redes sociais, ou enviar mensaxes e lembranzas a familiares e amigos. A plataforma leva rexistradas 8.900 herdanzas dixitais.
Tellmebye lanzará para todos os usuarios e internautas a última e mellorada versión da plataforma para a impresión dos documentos presentados ante o notario. O lanzamento terá lugar o próximo 27 de maio en Valencia, con motivo da celebración da Funermostra 2015, principal feira internacional do sector funerario en España.

PUBLICIDADE