A fenda dixital por razóns de xénero comeza a desaparecer nas novas xeracións
xoves 16 de novembro do 2006, por | |
| Compartir |
Segundo datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), as mulleres galegas empregan Internet e os computadores substancialmente menos cós homes e có resto de mulleres de España; porén, este desequilibrio non se aprecia xa entre as galegas de entre 16 e 24 anos, que usan as novas tecnoloxías tanto coma o resto de mozas e mozos de España, o que indica que a fenda dixital por razón de xénero está a desaparecer entre as novas xeracións (segundo sinala a Consellería de Innovación).
No tocante ós datos relativos ó emprego de Internet, a porcentaxe de mozas galegas que acceden á Rede sitúase por riba do 80%, menos dun punto por debaixo da proporción de internautas existente entre os mozos de ambos xéneros en España e Galiza, e máis do dobre da cantidade de mulleres de máis de 24 anos, que se sitúa por debaixo do 40%.
As mozas galegas tamén superan ás súas nais e avoas no uso dos ordenadores, xa que un 83% delas emprega o ordenador a cotío, mentres que menos da metade da poboación feminina galega empregou esta tecnoloxía nos últimos tres meses.
Neste senso, as adolescentes sitúanse lixeiramente por debaixo da media galega e española no uso do PC entre mozos de ambos sexos. Algo que non sucede no que se refire ó emprego da telefonía móbil, xa que o 94,5% das mozas galegas teñen acceso a esta tecnoloxía, unhas décimas por enriba dos galegos da súa mesma idade.
Malia todo, este avance no emprego das novas tecnoloxías por parte das mozas galegas non é tan acentuado no caso do comercio electrónico, pois tanto en Galiza coma no conxunto de España, son os homes, con independencia da súa idade, os que máis seguen a mercar a través da rede.
Menos fenda no rural
Asemade, a fenda dixital do rural respecto ás cidades en Galiza tamén se está a reducir entre os máis novos. Segundo datos do INE, máis da metade dos nenos do rural galego teñen acceso á telefonía móbil (un 54%) e até un 61% teñen computador, cifras moi semellantes á media das cidades españolas. Mais as cousas cambian no que se refire ó acceso a Internet, á cal só teñen acceso dous de cada dez fogares do rural, debido á falta de infraestruturas; así, mentres nas cidades galegas o 70% dos nenos son internautas, a proporción redúcese dez puntos nos concellos de menos de 10.000 habitantes.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














