A factura electrónica será o tema dunhas xornadas organizadas pola Deputación de Lugo

martes, 17 de febreiro do 2015 Redacción

Será este xoves 19 de febreiro cando teñan lugar as dúas xornadas formativas que a Deputación de Lugo achegará de balde aos concellos e empresas da provincia co gallo de adaptarse á nova normativa (Lei 25/2013 de Impulso da Factura Electrónica, que entrou en vigor o 15 de xaneiro) que obriga a tramitar de xeito telemático as facturas superiores a 5.000 euros que se teñan que presentar en calquera administración pública. Indo ao miolo das dúas xornadas, esta serán celebradas no salón de actos: unha para os traballadores dos concellos e da propia Deputación, que terá lugar de 10:00 a 12:00 horas, e outra para os empresarios, sobre todo PEME e autónomos, que se celebrará de 17:00 a 19:00 horas.
Na sesión encamiñada aos traballadores públicos darase a coñecer en detalle o procedemento de xestión das facturas electrónicas na plataforma oficial existente para este sistema, denominada FACe: a adhesión e alta na plataforma; as necesidades técnicas para a conexión; procedementos de captura das facturas electrónicas; as fases da factura electrónica; ou os prazos legais establecidos para pagar as facturas.
Polo que respecta á xornada pensada para as empresas provedoras da Administración Pública, o obxectivo é informalas sobre como teñen que crear e tramitar as facturas electrónicas, como poden facerlle un seguimento e os prazos legais nos que debe pagar a administración.
Asemade, a Deputación achega xa información individualizada, tanto vía telefónica (no número gratuíto 900.897.994) coma presencial (nas propias dependencias da institución). En ámbolos casos en horario de 9:30 a 14:30 horas. As persoas interesadas na atención presencial deben chamar ao devandito teléfono para pedir cita previa.
As áreas de Cooperación cos Concellos (dirixida por Álvaro Santos) e a de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación (dirixida por Alfredo Llano) puxeron en marcha este novo servizo de asesoramento sobre a factura electrónica, que se leva a cabo a través do programa tecnolóxico Innova-TE, financiado ao 80% por fondos europeos FEDER.

PUBLICIDADE