A eAdministración, ao detalle estes días en Vigo na conferencia internacional MeTTeG

venres, 18 de outubro do 2013 Redacción

Finalmente estase a desenvolver estes días na Universidade de Vigo (até este venres polo serán e cunha prolongación o mes vindeiro) a conferencia MeTTeG 2013, un evento dirixido a avaliar internacionalmente o estado de cousas da Administración Electrónica: cara a onde se dirixiu, que pasos deu, cales serán os camiños máis axeitados a tomar, etc. Na conferencia estanse a tratar en fondura cuestións como as cidades intelixentes ou o open data (datos dispoñíbeis de xeito libre sen licencias ou patentes).
A xuntanza MeTTeG 2013, Conference on Methodologies, Technologies and Tools enabling e-Government, reúne expertos dos devanditos eidos procedentes de España, Suíza, Italia, Suecia, Holanda, Serbia, Bélxica, Uzbequistán e Hungría.
O congreso vén da man dos investigadores do Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos co soporte do Concello de Vigo e a Rede Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación da Información. Trátase da segunda vez que este congreso se celebra en Vigo, tras unha anterior edición na cidade en 2009 que tivemos ocasión de reflectir en Código Cero facendo fincapé nos éxitos e nas eivas que daquela estaba a amosar o proceso de dixitalización das institucións públicas e as súas canles de comunicación coa cidadanía.
“É para nós unha honra que esta conferencia se celebre por segunda vez na cidade de Vigo, desta volta de novo coa participación dos axentes implicados en diferentes eidos da administración dixital”, explicou Luís Álvarez Sabucedo, membro do grupo organizador que sitúa un 80% dos participantes no ámbito académico e o 20% restante no empresarial e da administración.

Segundo apunta a Universidade de Vigo, a conferencia ten un marcado espírito práctico e organízase arredor de seis sesións nas que se debaten cuestións como as cidades intelixentes, a e-participación, a transparencia ou a privacidade, completándose con dous relatorios, o primeiro deles impartido na primeira xornada do evento a cargo de Nuria González Prelcic, directora de AtlantTIC e unha segunda que se celebrará o vindeiro mes do ano a cargo do creador do software libre e do concepto Copyleft, Richard Stallman. Na súa benvida aos asistentes á conferencia o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais e membro do grupo organizador, Manuel Fernández Iglesias, salientou a importancia de “seguir avanzando cara á implantación de novos servizos e á mellora dos xa existentes” ao tempo que lembrou que “o noso país ocupa un lugar moi destacado nas sociedades avanzadas na promoción da administración electrónica, tanto no desenvolvemento de servizos como no deseño dun soporte legal adaptado aos tempos”. Pola súa parte, González Prelcic fixo fincapé no potencial da nosa terra (tecnolóxico e medioambiental) e avanzou as grandes liñas dunha acción innovadora que tería en Galicia un eido de experimentación excepcional. “A nosa comunidade conta cun bo número de espazos naturais protexidos con algún tipo de figura, ben parque nacional, parque natural e mesmo reserva da biosfera, incluso unha delas transfronteiriza como é a do Geres-Xurés”, explicou Nuria González, que apostou pola aplicación da filosofía das cidades intelixentes para xestionar a contorna natural. E é que, segundo a directora de AtlantTIC, non ten sentido concentrase na xestión intelixente dos núcleos urbanos, procurando calidade de vida e facelo de costas ás contornas naturais.

PUBLICIDADE